No mes de marzo xa informamos de que o despregamento da telefonía 4G podía producir interferencias na recepción dalgunhas canles de televisión. Retomamos agora esa mesma información xa que, segundo parece, agora practicamente todo o noso territorio conta con cobertura desta nova tecnoloxía de transmisión. Ou polo menos iso é o que indican os distintos mapas de cobertura das operadoras con rede propia: Movistar, Vodafone e Orange. En calquera caso, se notades que, de súpeto, se vos deixan de ver canles da TDT que antes viades ou se aprezades que o sinal de televisión é deficiente -imaxes conxeladas, pixeladas, etc.- chamade ao teléfono de balde 900 833 999 para que vos envíen un/ha antenista que solucione o problema completamente gratis.
O despregamento da tecnoloxía LTE na banda de 800 Mhz (o 4G) obrigou a mover antes varias canles da TDT para deixarlles libre esa frecuencia ás operadoras de telefonía móbil. Esa liberación quedou completada en abril de 2015 e desde aquela están poñéndose en marcha novas estacións capaces de ofrecer ata 150 “megas” de velocidade de conexión á Internet. Porén, esta fase de posta en marcha pode causar interferencias na recepción do sinal de televisión e de aí que as operadoras puxesen en marcha a entidade llega800, que ofrece información e incluso a instalación gratuíta dun dispositivo que corrixa as interferencias debidas ao 4G.
Por iso, se notamos interferencias ou que deixamos de ver algunhas canles -ou todas- debemos contactar coa entidade a través da web www.llega800.es ou desde o teléfono gratuíto 900 833 999 para que nos manden un/unha antenista e que nos arranxe o problema sen custe. Na maioría dos casos abondará con poñer na antena un simple filtro de frecuencias que blinde a antena de televisión contra as interferencias do 4G. Se non queremos agardar e temos algo de xeito cunha tesoira e un desparafusador podemos facer nós o amaño: imos a unha tenda de subministros electrónicos, pedimos un “filtro para o 4G” e, xa na casa, instalarémolo entre a antena e o repartidor do sinal para as distintas estancias da casa. É moi doado de facer e vén tamén moi ben explicado nas instruccións do propio filtro, que custa entre 7 e 15 euros dependendo do modelo.
Unha tecnoloxía revolucionaria
As operadoras están gastando inxentes cantidades de cartos en promocionar o 4G como a tecnoloxía definitiva para a telefonía móbil agora que as táblets e os teléfonos son os dispositivos que máis se usan para acceder á Internet e todos os seus servizos.
Porén, o 4G tamén parece que vén solucionar o retraso que sofren as zonas rurais no acceso a unha banda larga de calidade. De feito, tanto Orange, Vodafone como Movistar xa ofrecen conexión á Internet nos fogares mediante sinxelos enrutadores wifi que levan no seu interior a tarxeta dun móbil. Naqueles puntos onde hai cobertura 4G xa se benefician de velocidades impensables ata hai pouco: 50-70 megas de descarga e 20-25 megas de subida. Iso si, con contratos que van dos 30 aos 50 euros mensuais, suxeitos a permanencia e cun tráfico mensual limitado.
As ofertas están cambiando continuamente pero, por exemplo, Orange ofrece 35 GB mensuais por 35 euros, a súa filial Amena mellora a oferta con 40GB por 30 euros e Vodafone-Ono anda nos 50 euros con 50GB de tráfico e liña asociada. A día de hoxe, a única opción para ter internet sen fíos na casa sen límite de tráfico e por un prezo asequible é o paquete Movistar Internet Radio, aínda que cunha velocidade máxima de 20 megas de descarga e 800kb de subida e sempre que na zona non haxa posibilidade de ADSL.