A Xunta, coa colaboración do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, prestou axuda psicolóxica a un vinte e tres por cento máis de persoas vítimas da violencia de xénero que no mesmo período do ano pasado
A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, compareceu está mañá nunha rolda de prensa onde fixo balance das axudas e recursos postos a disposición das vítimas de violencia de xénero, no primeiro semestre do ano 2016.
Nestes primeiros seis meses foron 418 as persoas atendidas a través do programa de atención psicolóxica a mulleres vítimas da violencia de xénero e aos seus fillos e fillas, 78 máis que no mesmo período do pasado ano, o que supón un incremento do 23 por cento. Dos 418 partícipes do programa, 306 son mulleres, 93 menores e 19 son persoas dependentes ao seu cargo.
Na actualidade, o programa, impulsado pola Secretaría Xeral da Igualdade en colaboración co Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia dende hai máis de dez anos, conta cunha rede de 108 terapeutas repartidos por toda a xeografía galega. Desde 2014 incorporáronse melloras substanciais, como a activación do grupo GIPCE, en casos especialmente graves de intervención psicolóxica en catástrofes e emerxencias.
Durante a presentación dos datos, a secretaria xeral lembrou a muller asasinada este ano no concello de Becerreá, Ana Gómez Nieto, e explicou que actualmente existen dous casos en investigación en Galicia: en Lugo e Porto do Son.
Ademais, López Abella informou de que desde 2013 o Goberno galego conta cun protocolo para o exercicio da acción popular por parte da Xunta nos procedementos penais en casos de morte por causa de violencia de xénero. Desde entón, son 12 os procedementos nos que a Administración autonómica está persoada.
Axudas económicas
Segundo explicou López Abella, a Secretaría Xeral da Igualdade concedeu, no primeiro semestre do ano, axudas económicas a 177 mulleres, 35 máis que no mesmo período do pasado ano. Preto do 75 por cento destas axudas correspóndense coa modalidade de pagamento periódico, nas que as vítimas reciben mensualmente cantidades que oscilan entre os 300 e os 800 euros mensuais. No resto dos casos, recibiron axudas de pagamento único por acreditar insuficiencia de recursos e especiais dificultades para acceder a un emprego ou en concepto de indemnizacións.
Das 177 mulleres beneficiarias destas axudas, 79 residen na provincia da Coruña, 63 en Pontevedra, 22 en Lugo e 13 en Ourense.
Centros de acollida e información á muller
Os cinco centros de acollida que conforman a Rede Galega de Acollemento (A Coruña, Ferrol, Ourense , Lugo e Culleredo) e no Centro de Emerxencias de Vigo, residiron sucesiva e temporalmente un total de 158 persoas, 77 mulleres e 81 menores, o que supón 13 persoas máis acollidas que no mesmo período de 2015. Cómpre destacar que en maio de 2016, a Secretaría xeral da Igualdade, xunto cos concellos de A Coruña, Lugo, Ourense , Ferrol, e Culleredo, asinaron o Protocolo para o acceso á Rede galega de Acollemento, mellorando así a coordinación e a resposta rápida ás vítimas que precisen dun recurso deste tipo.
As consultas ao teléfono de información á muller, 900 400 273, conveniado co 016, ascenderon a 2.249, que foron na meirande parte cuestións relacionadas coa atención psicolóxica, a área de recursos e a área xurídica.
A secretaria xeral da Igualdade destacou tamén que o servizo de O servizo de asesoramento xurídico online recibiu 27 consultas e o servizo de teletradución foi utilizado menos minutos que no ano anterior no mesmo período ao dos 697 minutos en 2015 aos 561 neste 2016, polo que descendeu en 136 minutos, facilitando conversas en 6 idiomas diferentes: árabe, inglés, alemán, romanés, sirio e wolof.
López Abella recordou que este servizo multilingüe está instalado en 60 CIM , en todos os centros de acollida, no Centro de Recuperación Integral e en 11 ONG que traballan na asistencia a mulleres vítimas de trata de seres humanos, para poder prestar atención ás usuarias inmigrantes en 51 idiomas diferentes.
Denuncias e medidas de protección
Por outra banda, a secretaria xeral da Igualdade informou de que o número de denuncias presentadas no primeiro trimestre de 2016 segundo os últimos datos facilitados polo Consello Xeral do Poder Xudicial, ascende a 1.355, 60 máis que no mesmo período de 2015.
Foron nas provincias da Coruña e Pontevedra, onde se presentaron un maior número de denuncias. Concretamente, 546 na Coruña, 530 en Pontevedra, en Ourense foron 144 e 135 en Lugo.
Os xulgados comunicaron no primeiro semestre deste ano 420 medidas de protección (medidas cautelares, ordes de protección e ordes de afastamento). No mesmo período do ano 2015 as medidas de protección foron 339, polo que aumentaron en 81.
Por provincias, tamén son a provincia da Coruña e Pontevedra onde se ditaron o maior número de ordes de protección. Concretamente 161 na Coruña, 145 en Pontevedra, en Lugo foron 75 e 39 en Ourense.
Ademais, un total de 478 mulleres que contaron con protección móbil (Atenpro) a través de servizo telefónico que asegura atención permanente, 37 mulleres máis que no ano 2015. E 29 agresores eran controlados no 1º semestre de 2016 con sistemas telemáticos para asegurar o cumprimento da orde de afastamento, 5 homes máis que no mesmo período 2015.