Friday 22 de November de 2024

O concello distingue o labor exemplar de sete veciños protagonistas de varios actos de heroísmo durante este verán


O Salón de Plenos do Consistorio serviu hoxe luns de escenario para a entrega de distincións a sete cidadáns que teñen destacado por protagonizar este verán unha serie de actos de heroísmo .

Cinco deles puideron acudir a un encontro no que o alcalde Manuel Ruiz, acompañado da tenente de alcalde Fabiola García e do concelleiro de Seguridade Cidadá, Víctor Reiriz, fixo entrega dunha medalla co escudo do Concello e un diploma conmemorativo a cada un deles.

Trátase en primeiro lugar de Jesús Paz Ayaso, voluntario de Protección Civil que a finais do mes de xuño resultou decisivo á hora de descubrir ao pirómano que causou un incendio en A Conlleira; e de Marcos Fernández Santamaría, responsable do GAEM que máis aló do seu deber no cargo salvou o pasado 11 de xullo a vida a un veciño que estaba sufrindo un infarto no seu vehículo na rúa Rosalía de Castro (tristemente falecería doutro ataque cardíaco unhas semanas despois). Dáse a circunstancia de que tanto Paz Ayaso como Fernández Santamaría ían en roupa de faena ao vir do desolador incendio que estivo azontando pola noite boa parte do parque natural.

Tamén se distingiu a tres rapaces que o pasado 16 de xullo protagonizaron o rescate dunha muller nunha zona rochosa en Insuela: Álvaro Parra Fernández e Alberto Arcay Méndez, que a lograron sacar da auga; e a nena María Méndez Elorduy, quen lle practicou unha reanimación cardiopulmonar.

Os outros dous condecorados, que non puideron acudir pero que recibirán as distincións, foron Salvador Maneiro Prol e María Elvira Parada Mayo, que lograron reanimar o 3 de xullo na praia da Catía a un home que estaba sufrindo unha parada cardiorrespiratoria.

Manuel Ruiz destacou o seu labor exemplar de todos eles para cos seus veciños.