Melloran a seguridade da chamada “recta de Bastavales”, que comunica Brión con Rois e atravesa as localidades de Bastavaliños, Soigrexa, Bemil, Coruxido, Osebe e Casaldoeiro
O Concello de Brión vén de instalar seis redutores de velocidade na parroquia de Bastavales para mellorar a seguridade viaria da estrada que comunica Brión con Rois, un proxecto incluído no plan de cooperación coa Deputación da Coruña e que supuxo un investimento de máis de 6.800 euros. O alcalde de Brión, Xosé Luís García, explica que “así melloramos a seguridade viaria dos veciños, xa que estamos falando dunha estrada practicamente recta que atravesa varios núcleos de poboación e que, a pesar de que a velocidade está limitada 50 quilómetros por hora, algúns vehículos a atravesaban a altas velocidades”.
Para garantir que os vehículos manteñan unha velocidade de circulación reducida ao longo de todo o tramo e protexer os pasos peonís, os seis redutores de velocidade instaláronse preto das marquesiñas de autobuses e dos pasos de cebra das localidades de Bastavaliños, Soigrexa, Bemil, Coruxido, Osebe e Casaldoeiro. En total, instaláronse dous pasos peonís sobreelevados e catro redutores tipo “Lombo de asno”, de menor tamaño.