Carlos Lorenzo e Emma Iglesias, vencedores da proba absoluta
A terceira edición da Carreira Popular de Corrubedo volveu a rexistrar un notable índice de participación con 360 corredores que se animaron a tomar parte no caloroso día de hoxe nesta atractiva proba que descorre pola parroquia riveirense.
160 deportistas fixérono dende ás 10 da mañá na proba absoluta de 11 kilómetros de lonxitude, con saída e chegada no porto despois de pasar por lugares tan atractivos como O Corgo, Balieiros, a praia do Prado o entorno do parque natural ou o faro de Corrubedo: un circuíto esixente no que boa parte do percorrido se realiza fóra do asfalto.
Na categoría masculina o vencedor absoluto foi Carlos Lorenzo Blanco, do C.D. Portosín, que completou a carreira nun tempo de 38 minutos e 45 segundos. A continuación fixérono Ángel Maceiras Lago, Club Atletismo Sar Bermú Petroni, con 39:18 e Manuel Oliver Pérez López, do mesmo equipo, con 39:27.
Na categoría feminina a gañadora absoluta foi Emma Iglesias Penelas, de 3Andrun by Pedro Nimo, que realizou o circuíto en 49:34, seguida de Sonia Agrasar Barral, de Sar Vermú Petroni, e Eva de la Fuente Iglesias, do club Deportivo Vagalume.
Pasadas as 12 do mediodía tiveron lugar as carreiras para categorías inferiores, con percorridos de 2.500, 1.200, 200 e 100 metros en función da idade, con 200 participantes en total.
A cita estivo organizada pola asociación O Cabo coa colaboración do Concello de Riveira.