Friday 22 de November de 2024

26 esculturas e 16 pinturas exhíbense nunha exposición retrospectiva de Jontxu Argibay no Centro Cultural Lustres Rivas de Riveira


O Centro Cultural Lustres Rivas exhibe a exposición máis completa do artista local Jontxu Argibay. O seu título, “Escultura 2003-2016”.

Numerosos veciños achegáronse ata a instalación municipal neste segundo día de festas de agosto para asistir ao acto inaugural: un acto presidido por Manuel Ruiz e que contou coas intervencións do propio artista e da concelleira de Cultura Fabiola García.

A mostra está formada por un total de 26 esculturas de fibra de vidro, carbonato cálcico, bronce, aglomerado, madeira, pedra, area… e 16 acuarelas e debuxos que mostran a traxectoria do creador ao longo destes últimos 13 anos, dende que en 2003 se decidiu a emprender en solitario a súa carreira como artista.

Jontxu Argibay posúe unha sólida formación con estudos na escola de Artes Aplicadas Mestre Mateo de Compostela e na Escola Pablo Picasso da Coruña e é un activista cultural activo e participativo que se ten implicado en numerosos proxectos de colectivos como Barbantia, a Dorna, Arte Barbanza ou Arousa Norte.

Tal e como explicou o propio artista, algunhas das esculturas expostas son exhibidas por primeira vez ante o público nesta iniciativa ao ser encargos que foron directamente dende o seu estudo de Aguiño a coleccións privadas.

Descubrimento
O acto contou cun momento especial ao final das intervencións: o descubrimento da súa última peza, rematada a pasada semana, “Cabeza de caracola”: que foi destapada polo escultor e o alcalde.

Moitos creadores arrouparon a Argibay durante a inauguración, como Manuel Ayaso, Mónica Ayaso, José Gude, Antonio Pérez, Xoán Fernández ou Miguel Harguindey

“Escultura 2003-2016” estará aberta ata o 3 de setembro e poderá ser visitada de luns a venres de 10 a 14 e de 19 a 21 horas e os sábados de 11 a 14 e de 18.30 a 21.30 horas.