Afirma que a nosa Comunidade ten hoxe un marco institucional democrático sólido e ben asentado, é unha terra atractiva para os investidores, facilita a creación de empresas e non deixa atrás a ninguén
O responsable do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou a necesidade de seguir avanzando na senda da recuperación económica para que Galicia continúe a ser a terra de oportunidades que é, e poida acoller todos os proxectos de vida.
Fíxoo en Arnoia durante a xornada de confraternidade organizada pola Coordinadora Federal das Asociacións Galegas en Alemaña que este ano tivo lugar no marco da Festa do Pemento da localidade ourensá.
“Galicia mantén a súa esencia de terra acolledora e hospitalaria, pero nas últimas décadas viviu unha etapa de prosperidade sen precedentes” dixo, ao tempo que engadiu que a nosa Comunidade ten hoxe un marco institucional democrático sólido e ben asentado, é unha terra atractiva para os investidores, facilita a creación de empresas e non deixa atrás a ninguén.
Durante a súa intervención o mandatario autonómico aproveitou igualmente para enxalzar o papel de embaixadores extraordinarios que desempeñan os galegos do exterior “quero agradecervos que alá onde haxa un galego haxa unha embaixada de Galicia”.
Nese sentido, o presidente da Xunta puxo de releve o carácter excepcional da emigración galega, “a emigración galega non foi nunca unha emigración como as demais, sempre tivemos algo máis: a morriña” subliñou, aínda que tamén asegurou que esta calidade non os impediu contribuír coa nova comunidade de acollida.
A este respecto aclarou que os galegos do exterior contribuíron de xeito decisivo ao desenvolvemento de América Latina, axudaron a consolidar o crecemento dos países europeos aos que emigraron e, ao tempo as súas remesas supuxeron un pulo importante para o progreso de Galicia.
Por último, Feijóo manifestou que este tipo de xuntanzas coas que as e os galegos residentes no exterior amosan e reavivan os vínculos coa súa terra, teñen un valor incalculable, malia que lembrou que o mellor momento para un galego emigrado sempre é a volta á casa.