Preto de 30 millóns de españois maiores de 16 anos puideron ver os 1.100 spots que se pasaron nas principais cadeas de televisión nacionais, os 56 anuncios en prensa diaria, suplementos e revistas especializadas; e escoitar as 2.040 cuñas que se emitiron nas emisoras de radio
A campaña de publicidade desenvolta por Turismo de Galicia entre os días 20 de xuño e 29 de xullo para a promoción da Comunidade galega como destino turístico para este verán baixo o lema ‘Quero Galicia’, chegou coa súa mensaxe ao 80% da poboación española, o que supuxo que preto de 30 millóns de persoas maiores de 16 anos tivesen a oportunidade de coñecer a presentación da oferta turística galega para a tempada estival.
Ao longo destes corenta días, emitíronse a través desta campaña un total de 1.100 spots televisivos nas principais cadeas de televisión nacional, a Televisión de Galicia e outras de ámbito local.
Ademais, os produtos turísticos galegos estiveron presentes en 56 anuncios de páxina completa inseridos nos principais periódicos nacionais, en todos os autonómicos e nos suplementos dominicais e revistas españolas especializadas en viaxes e turismo.
Nesta oleada da campaña de Turismo de Galicia tamén se emitiron 2.040 cuñas publicitarias nas principais emisoras comerciais de España así como 25 millóns de impresións en medios dixitais nacionais.
Frecuencia da mensaxe e medios internacionais
Un dato significativo para valorar o éxito desta acción publicitaria ademais do da cobertura da poboación, é o da frecuencia media do impacto da mensaxe e neste sentido os spots televisivos desta campaña foron vistos unha media de nove veces pola mesma persoa, o que supón un alto grao de difusión para fomentar o recordo dos contidos entre o público obxectivo.
Ademais desta iniciativa de promoción destinada a incentivar as visitas dos cidadáns españois a Galicia durante o verán, Turismo de Galicia desenvolve desde o pasado 4 de xullo unha campaña exclusivamente en medios dixitais, con alcance, ademais de España, nos países de Portugal, Francia, Reino Unido, Alemaña, Italia e os Estados Unidos.
Neste ámbito, inclúense accións de publicidade en webs especializadas en viaxes e na contratación destes, ademais do buscador Google. Tamén inclúe ‘compra programática’, a emisión en plataformas de vídeo por medio das redes sociais Facebook, Twitter, Instagram e Youtube; ademais dunha acción de e-mail marketing.
Polo que respecta aos resultados desta parte da campaña, xa foron servidos 75 millóns de impresións das distintas creatividades, o que supón un 15,1% máis das previstas inicialmente. Ademais, xa se realizaron 150.000 reproducións de vídeo, un 233% máis das que se prevían. No ámbito do e-mail marketing tamén se chegou ás 20.000 afiliacións, un 21% máis do previsto.
Redes sociais
Por outra parte, na contorna das contas nas redes sociais de Turismo de Galicia, e de xeito orgánico, os vídeos publicitarios tiveron un alcance de 500.000 persoas, e foron compartidos 17.000 veces.
Ademais, as creatividades desta campaña contaron con 25.000 aprobacións de usurarios da rede social Facebook.
Obxectivo da campaña
A campaña ‘Quero Galicia’, dividida nas oleadas de Semana Santa, pontes de maio, verán e outono, pretende captar o interese do público nacional e estranxeiro contando en primeira persoa as sensacións e experiencias do viaxeiro.
O obxectivo, segundo explicou a directora de Turismo de Galicia Nava Castro durante a presentación desta acción publicitaria, é superar os 5 millóns de visitantes en 2016 e atraer turismo ao longo de todo o ano.
Esta iniciativa de comunicación conta cun investimento de 4 millóns de euros e no seu apartado de creatividade precisou de 15 días de traballo para percorrer 5.000 km e amosar 180 localizacións en 800 planos.