Serán do 13 ao 16 de agosto e, entre outros, actuarán Marbella, Triunfo, Tamarindos, Treixadura e Ritmo Galego. Novamente o Concello homenaxeará aos seus emigrantes. As persoas afeccionadas ao fútbol terán dúas citas, a do Trofeo San Roque e o Torneo Concello de Ordes
Recentemente deuse a coñecer o cartel das festas patronais de Ordes para este ano, as cales terán lugar dende o 13 ata o 16 de agosto.
O primeiro día, o sábado 13, contarase coas actuacións de El Combo Dominicano e Triunfo. O domingo 14 a sesión vermú correrá a cargo de Bahía Blanca, mentres que pola noite será a quenda para Marbella e Tamarindos. O luns, 15 de agosto, será o día grande coa festa de Santa María. Xa dende ben cedo a charanga O Recobio animará as rúas da vila e zonas próximas. Tras a misa das 12 horas e a tradicional procesión polas rúas de Ordes, a Banda de Música de Negreira e Espadana Gaiteiros farán bailar a todas e todos ao mediodía. Este día tamén subirán ao escenario as orquestras Miramar e Armonía Show.
O martes será o último día de celebración. Tal e como é costume neste día o Concello de Ordes renderalles unha especial homenaxe dedicándolle esta xornada aos seus emigrantes. Está prevista a tradicional ofrenda floral no monumento erixido en honor á diáspora galega, a cal será precedida dunha misa na igrexa de Santa María de Ordes ás 13 horas. Nesta ocasión o matrimonio formado por José Manuel Mandayo Suárez e María Josefa Sánchez Uzal, naturais de Frades e Barbeiros, respectivamente, serán os representantes dos que un día tiveron que marchar en busca dun futuro próspero. Ambos emigraron sendo ben novos a Inglaterra, contando actualmente con 44 anos ás súas costas como residentes nun país estranxeiro. A nota musical nesta xornada virá por parte do grupo Embruxo Gaiteiros, da Banda de Música de Ordes e da orquestra Iris. Xa de noite o folk porá o punto e final coas actuacións de Treixadura e o grupo local Ritmo Galego.
Todas aquelas persoas que queiran contribuír economicamente poden facer un ingreso na seguinte conta do Banco Pastor: ES91 – 0238 – 8188 – 2906 – 0015 – 3932.
Cita co deporte
O deporte tamén terá o seu lugar destacado nas festas de Santa María de Ordes. O sábado, 13 de agosto, dende as 17 horas disputarase o Trofeo San Roque no complexo deportivo Vista Alegre . Unha cita na que participarán os veteranos dos equipos Mesón do Vento C.F., Poulo C.F., Peña Vilamaior, S.D.C. Ordes e Veteranos Ordes. De cara ao día seguinte, domingo 14 de agosto, dende as 18 horas disputarase o Torneo Concello de Ordes. Novamente o lugar de celebración será o campo de Vista Alegre, terreo no que se enfrontarán a S.D.C. Ordes, A.D. Vila de Ordes e a S.D. Santa Cruz de Montaos. Ambas competicións están organizadas polo Departamento de Deportes do Concello de Ordes en colaboración coa Deputación de Ordes.