A terceira exposición que alberga a Casa Consistorial de Riveira xa pode ser contemplada polos veciños. Trátase da mostra “De Palmeira a New Jersey”, composta por preto de corenta cadros obra de Andrés M. Gago, natural da primeira das localidades citadas e que pasou a frioleira de 38 anos (agora ten 64) na outra banda do Atlántico.
Precisamente as dúas terras nas que viviu son as inspiracións de Gago á hora de plasmar sobre o lenzo non só o mar, senón tamén zonas de interior coas súas aldeas e igrexas. “O importante é saber darlle luz”, declara. As obras expostas no Consistorio foron realizadas nestes últimos 25 anos, principalmente en solo estadounidense, moitas veces a partir de fotografías da súa terra de orixe.
Andrés M. Gago pasou boa parte da súa vida traballando nos altos fornos en New Jersey pero nunca deixou de dar renda solta á súa vocación pictórica dende rapaz. Froito deste denodado labor creativo, xa expuso en lugares como a Galería de Perth Amboy ou no Middlesex College de New Jersey con motivo do Mes Latino.
Sen embargo, esta é a primeira exposición propiamente dita que ten oportunidade de celebrar en Galicia, se ben algunhas das súas obras xa estiveron á vista do público en sitios do seu pobo natal como o bar Vilar e a Casa do Mar.
Andrés M. Gago estivo hoxe estivo na Casa do Concello xunto ao concelleiro de Palmeira Emilio Pérez Outerial.