Friday 22 de November de 2024

O Concello de San Sadurniño abre o prazo de solicitude de espazo para a feira rural da última fin de semana de agosto


San Sadurniño volverá ser o próximo 27 de agosto o referente das posibilidades de desenvolvemento do medio rural a través do evento anual que combina a esencia das feiras de toda a vida coa posta en valor daquelas experiencias que apostan pola sustentabilidade. A VIII Feira Rural que se celebrará no contorno do arboredo da Cortiña contará con exposicións permanentes, obradoiros, exhibicións, co tradicional concurso de froita do país e tamén co mercado local. Os postos de alimentación, artesanía e segunda man que queiran reservar espazo poden facelo desde xa presentando a solicitude debidamente cuberta e aboando a cota de participación: 3 euros por cada expositor de produtos agroalimentarios, artesanía e segunda man e 5 para viveiros e maquinaria. As entidades sen fins de lucro están exentas destas cotas.

As contías veñen reflectidas no regulamento de participación na feira anexo á folla de inscrición que se poderá presentar no rexistro municipal, por correo postal -Lugar do Casal nº 16, 15560 San Sadurniño- ou ben enviala ao correo agustin.perez@sansadurnino.gal. A data límite para apuntarse é o 24 de agosto ás 14.00h. O listado de postos admitidos publicarase na web municipal o día 25.

As cotas de participación deben pagarse directamente na Casa da Cultura, onde tamén é posible entregar a ficha de inscrición, ou ingresalas na conta ES74/2080/0208/0131/1000/0059 indicando no concepto “Inscrición Feira Rural”. O día da feira será necesario presentar o resgardo do ingreso para acceder ao recinto. Recordamos os prezos: 3 euros para os postos de artesanía e segunda man que, segundo a normativa do evento, poderán solicitar ata un máximo de 6 metros liñais; e 5 euros para os viveiros de planta e as exposicións de maquinaria, sen que existan neste caso límites ao espazo que poden pedir. As entidades sen fins de lucro están exentas da cota aínda que, iso si, terán que presentar copia dos seus estatutos a menos que xa o fixeran con anterioridade para calquera convocatoria municipal.

O mercado arrancará a primeira hora da mañá distribuído polo arboredo de especies autóctonas da Cortiña. Na carpa principal poderán atoparse alimentos de calidade e tamén a froita que se presente ao concurso organizado polo Concello e a AGFA do Eume. As inscricións cumprirá facelas o propio día e o certame desenvolverase atendendo aos criterios de puntuación establecidos nas bases acordadas entre esta entidade e o departamento municipal de Desenvolvemento Local.

O programa de actividades paralelas está practicamente pechado e publicarase xunto con toda a información necesaria nos próximos días. Volverá haber degustacións e catas de produtos ecolóxicos certificados, que durante a xornada se desenvolverá a tradicional copa de agility canino e que se organizarán obradoiros para os nenos e nenas. Ademais tamén están previstas dúas exhibicións de cetraría, visitas guiadas á horta de conservación de froiteiras Carlos Fornos -situada ao pé da feira- e ao colmear didáctico xestionado pola AGA Ferrolterra-, paseos en kaiac polo Xubia e dous sorteos de lotes de produtos entre o público asistente.

A feira contará, ademais, cun espazo para xantar por un prezo módico. Outra opción son os restaurantes da zona -o mesón A Granxa, o Muíño do Pepe son os máis próximos, aínda que tamén temos Riboira en Lamas e Os Cazadores e Manolo en Santa Mariña do Monte-, polo que cómpre chamar con tempo de adianto para reservar.