Saturday 16 de November de 2024

O Concello de Brión promociona a súa riqueza patrimonial e paisaxística nas marquesiñas do transporte metropolitano


As 9 marquesiñas repartidas por todo o municipio recollen os principais recursos turísticos e os teléfonos de información

O Concello de Brión, en colaboración coa Deputación Provincial da Coruña, vén de poñer en marcha unha acción de promoción turística a pé de rúa. Trátase da colocación de paneis fotográficos en nove marquesiñas repartidas por todo o municipio con imaxes dos recursos turísticos máis esenciais de Brión: as Torres de Altamira, a fervenza do Pozo Negro, a carballeira de Santa Minia… Unhas imaxes do fotógrafo local Rafael Arroyo que se poden desfrutar nas marquesiñas de Sabaxáns, Bastavales, O Adro dos Ánxeles, Vioxo, Mourentáns, Ons, Buio e unha dobre na urbanización Monte Balado.

O obxectivo que persegue o Concello de Brión con esta acción é dobre. Por unha banda, chamar a atención tanto dos usuarios do transporte metropolitano como dos condutores, xa que as marquesiñas elixidas están emprazadas en estradas de bastante tráfico, como a Urdilde-Negreira ou a Os Ánxeles-Picaraña. Por outro lado, tamén permite que os viaxeiros brioneses desfruten coas imaxes máis fermosas do seu municipio durante a súa espera.

Canda estas imaxes, o Concello de Brión tamén inclúe unha selección de teléfonos de interese do municipio: Concello, biblioteca, casa da cultura, centros educativos, centro de saúde, farmacias, forzas de seguridade, etc. Unha acción que vén complementar á APP gratuíta para dispositivos móbiles lanzada polo Concello de Brión para promover turisticamente o municipio.

Unha aplicación que permite aos usuarios atopar toda a información sobre os principais atractivos turísticos que existen dentro do territorio municipal, permitindo a localización xeográfica e a visualización en imaxes dos mesmos en dispositivos móbiles dun xeito atractivo e moi sinxelo. Está dispoñible para Android na tenda Google Play e tamén na App Store de “iOS”, para os dispositivos Apple. Ademais, tamén se pode acceder a ela dende a web municipal: www.concellodebrion.gal.