Ana Soneira, concelleira de Medio Ambiente de Ordes, confirma que “a iniciativa volverá ter lugar tras os bos resultados acadados”. A edil destaca a adopción de sete cans así como a grande afluencia de público durante a xornada de portas abertas
A ‘Festa dos cans’, que tivo lugar esta pasada fin de semana na canceira municipal de Ordes, traduciuse na adopción de sete exemplares de distintas razas. Unha cifra considerada “como un verdadeiro éxito” por parte do Concello e a Asociación Amigos da Canceira de Ordes, organizadores desta iniciativa solidaria e de concienciación.
Dende o Departamento de Medio Ambiente xa se avanza a celebración dunha nova cita de similares características, cuxa data está aínda por concretar malia que se pode dicir que será antes de que finalice o ano”, asegura Ana Soneira, edil da área. Soneira avanza a súa postura favorable para que sexa próxima ás vindeiras festas do Nadal, “de maneira que poidamos concienciar á xente que non merque animais para agasallar como se dun xoguete se tratasen. Insistiremos tamén nas vantaxes que supón a adopción ou a acollida fronte á venda de animais”.
A ‘Festa dos cans’ supuxo a posibilidade de que decenas de veciños, veciñas e amantes dos cans se achegaran pola canceira municipal nunha xornada de portas abertas. Ademais de poder compartir momentos cos exemplares alí acollidos, puideron coñecer o funcionamento das instalacións ou falar co persoal especializado sobre a situación dos animais e todo tipo de temas relacionados.