Friday 22 de November de 2024

A Xunta participa na entrega de diplomas ás mulleres do curso Rede Emprende en Igualdade na Fundación Eduardo Pondal


A secretaria xeral de Igualdade fixo entrega dos diplomas do curso de formación e asesoramento de emprendemento e novas tecnoloxías

A secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella participou no acto de entrega dos diplomas ás mulleres que participaron no curso Rede Emprende en Igualdade que se impartiu entre as actividades da Escola de Verán na Casa da Muller da Fundación Eduardo Pondal.

O curso ten como finalidade mellorar as capacidades de emprendemento e busca de emprego das mulleres a través do fomento e coñecemento das novas tecnoloxías, así como a posta en marcha e a modernización das actividades e capacidades empresariais e persoais, que resultan fundamentais hoxe en día para acadar unha mellora profesional.

As mulleres participantes recibiron formación e asesoramento durante o curso, sobre a iniciación a internet e as redes sociais, as novas tecnoloxías e emprendemento, a procura de emprego, as TICs como ferramenta transversal de aforro de tempo, así como sobre a creación de empresas e a igualdade de xénero.

A iniciativa está enmarcada no Plan Galego para a Igualdade entre Homes e Mulleres, da Secretaría Xeral de Igualdade, que ten como obxectivo fortalecer o emprendemento e a economía social entre as mulleres. A Rede Emprende en Igualdade responde ao eixe 3 do Plan que busca “outorgar un maior protagonismo ás actuacións que contribúan a facilitar a autonomía económica das mulleres galegas, o que leva a fomentar o seu acceso ao mercado laboral, así coma o seu desenvolvemento profesional e a posta en valor da súa iniciativa emprendedora”