Saturday 23 de November de 2024

Ardemil celebra esta fin de semana a súa tradiconal malla


A festa inclúe xantares populares, actuacións musicais, baile, feiras de antigüidades e exposicións de coches, motos e tractores doutras épocas

Un ano máis a parroquia de Ardemil convida a todas e todos os que o desexen a defrutar da súa tradicional ‘Malla de Ardemil’. Unha celebración que este ano terá lugar esta fin de semana, concretamente os días 5, 6 e 7 de agosto. Alí se revivirá o labor de separar o gran da palla tal e como se facía hai moitos anos. Por suposto non faltarán xornaleiros que, armados cos seus utensilios e apeiros, nesta ocasión chegarán nada máis e nada menos que embarcados nun barco.
A cita dará comezo ás 22 horas deste venres cun convita a touciño entrefebrado entre os asistentes, que ademais poderán botar máis dunha baila ao son do cantante Mario.
Xa de cara ao sábado, ás 12 horas, dará comezo a xornada principal na que o público poderá contemplar e revivir a malla. Tamén haberá feira de antigüidades e unha ampla exposición de tractores, coches, motos, motores e apeiros doutras épocas. Festeiros e visitantes poderán adquirir e sorprenderse con outros obxectos como pías, adornos, mobles, arapos etc, moitos deles con máis dun século ás súas costas. O ‘Dúo Suso’ e grupos de gaiteiros porán a nota musical a esta xornada na que tamén haberá un gran xantar popular. Para levalo a cabo instalaranse carpas onde se servirá carne ao caldeiro e polbo, entre outros produtos.
Xa para poñer punto e final o domingo, tal e como é costume, a partir das 12 horas haberá unha gran concentración de tractores antigos, os cales realizarán un percorrido pola zona.
No caso de que alguén queira inscribirse pode facelo chamando ao teléfono 676221905.