Redes sociais, compras seguras por internet e servizos de mensaxería instantánea, entre os cursos máis demandados polos colexios
Un total de 8.090 escolares coruñeses participarán este curso académico 2014-2015 no programa Educación para o Consumo ofertado pola Oficina Municipal de Información ao Consumidor (OMIC), pertencente á área de Emprego e Empresa que dirixe Luisa Cid, e que este ano rexistrou a maior participación da súa historia, tanto en talleres solicitados coma en número de centros e estudantes.
O programa deste curso conta con 360 talleres, 38 centros educativos e 8.090 alumnos. As cifras bateron todos os récords de edicións anteriores en canto a índices de participación, cun incremento do 26% no número de alumnos respecto ao curso
2013- 2104, cando participaron 6.400 estudantes en 283 talleres, 77 menos que agora.
Os datos reflicten, ademais, un interese crecente por parte da comunidade educativa en temas relacionados co consumo: o número de participantes duplicouse dende 2009-2010, pasando de 4.088 alumnos aos 8.090 estudantes do actual curso escolar.
Como en cada edición, a OMIC realiza a programación das actividades para ensinar aos nenos e adolescentes a desenvolver actitudes conscientes, críticas, responsables e solidarias ante as relacións de consumo, proporcionándolles ferramentas útiles para que adquiran coñecementos e habilidades no seu día a día que lles permitan unha maior racionalidade no consumo de bens e na utilización dos servizos.
Durante este curso o plan centrarase, ente outros temas, en aspectos como a alimentación e o consumo co propósito de formar consumidores con bos hábitos alimenticios. En canto aos talleres máis solicitados polos centros educativos, apréciase un crecente interese por todos os temas relacionados coas redes sociais, compras seguras por internet, servizos de mensaxería instantánea e anuncios e publicidade na televisión e internet.
Os talleres impártense en todos os niveis educativos (Infantil, Primaria, ESO, Bacharelato e Ciclos Formativos), duran unha hora e desenvólvense nas aulas e instalacións da OMIC.