A palabra arte define todos aqueles exemplos de creación humana que representan unha percepción do mundo, xa sexa real ou imaxinario, cun sentido estético e co obxectivo de comunicar esa percepción. Pero a arte tamén son estilos, correntes, técnicas e mesmo canons que a historiografía e a crítica se encargaron de nomear e tentar definir nese afán tan humano de poñerlle etiquetas a todo. Pouco hai na arte que se manteña puro, sen influencias de movementos actuais ou pasados. Con todo, aínda temos exemplos dese espírito primitivo que impulsa a representar o contorno valéndose só dunha habilidade innata, sen acudir a técnicas interpretativas alleas ou trilladas. Manuel Bañobre ben podería ser un deses exemplos. Desde esta mesma semana e ata finais de mes expón na galería do Concello un catálogo de paxaros tallados en madeira que, máis que un mostrario zoolóxico, son unha fantástica colección de arte sen complexos e sen mediatización de ningún tipo.
Manuel Bañobre naceu en Soutocalvo, en Ferreira, hai 85 anos. Persoa coñecida en toda a volta por posuír durante varias décadas unha zapatería no lugar dos Cobos, en Anca, Bañobre sempre tivo ansia de darlle forma á madeira. Unha paixón que, trala súa xubilación, se converteu en pasatempo e en maneira de canalizar a través da arte a súa capacidade de observación da natureza.
Como tema principal elixiu o mundo das aves. Petos, curuxas, buxatos, mouchos, paporroibos, falcóns, lavercas e outras especies compoñen un amplo catálogo con preto de 60 pezas ás que lles deu forma con paciencia e distintas madeiras, policromadas despois con moito mimo procurando reproducir ata o máis mínimo detalle.
Son paxaros pousados en pólas ou que xorden directamente de grandes tocóns onde a propia natureza xa suxire formas animais que o artista só pule e pinta para facelas agromar. Este xeito de facer xa o vimos hai algúns meses na exposición do valdoviñés Leopoldo Bermúdez, que tamén traballa a madeira e tamén tira en boa medida pola representación da fauna.
A similitude técnica e creativa entre Bermúdez e Bañobre -e outra moita xente da comarca que non expón- daría para facer un tratado. Non tanto sobre a manufactura artística, senón sobre a coincidencia estilística e sobre a obrigada reflexión ao respecto de ter diante algo que presenta trazos xenuínos merecentes dun estudo pormenorizado pola súa recorrencia.
Habería etiquetas doadas. Naturalismo e Naïf serían dúas ben acaídas para estes mostrarios. Pero semella que detrás das tallas de Manuel Bañobre e Leopoldo Bermúdez hai moito máis, O xeito en que lle dan forma á madeira lembra as labras que engalanaban cabeceiros e adobiaban arcóns e chineiros, as imaxes sedentes de mirada frontal de moitas capelas e santuarios ou incluso as figuras esculpidas a navalla en xugos e bastóns.
Unha maneira de facer alonxada da instrución académica, de correntes e movementos que, se cadra, é representativa dunha arte pura, propia e intransferible que bebe directamente da tradición sen que os seus autores se decaten sequera.