Tania Penas, natural da parroquia de Bendaña no Concello de Touro, acaba de chegar de Hanoi, capital de Vietnam. Alí competiu na Olimpiada Internacional de Bioloxía xunto con arredor de 250 xóvenes de todo o mundo. “A experiencia foi impresionante; todo o que vivin estes últimos días é do que queda para toda a vida”, asegura a estudante de Touro que logrou a Medalla de Ouro nas Olimpiadas Nacionais de Bioloxía e tamén na Olimpiada Galega de Bioloxía. Tania Penas, aproveitando a celebración do XIV Festival de Bandas do Concello de Touro, recibiu onte de mans do alcalde de Touro, Ignacio Codesido, a través dun pequeno presente, o recoñecemento dos veciños e veciñas do Concello.
“Estou moi orgullosa de ter estudado nun colexio público rural”, asegura Tania Penas referíndose ao CPI Fonte Díaz. E certifica que “a base que adquires é tan boa como a que tería en calquer outro colexio”. Esta estudante é a mostra de que, como dí ela mesma, “o talento tamén existe nos xóvenes que viven e estudan no rural”. Tania Penas estudou no CPI Fonte Díaz de Touro. Cando chegou a hora de dar o salto ata o instituto elexiu o IES Pontepedriña, en Santiago de Compostela, ainda que sin abandonar Bendaña. “Viaxaba todolos días a Santiago para ir ás clases e logo voltaba a casa”, explica Tania Penas, que este ano ingresará na Universidade. “Quero estudar Mediciña e estou esperando para saber se podo entrar”, apunta ela, quen aclara que lle interesa “todo o que ten que ver coa bioloxía, a miña asignatura preferida, e con axudar aos demáis, e a medicina representa todo eso”.
Sobre a experiencia de participar na Olimpiada Internacional de Bioloxía, que se celebrou en Hanoi do 17 ao 24 de xullo, destaca a experiencia de coñecer Vietnam a de ter contacto con centos de xóvenes de todo o mundo. “É unha boísima experiencia, viaxas, coñeces un país impresionante e fas moitos amigos”. Ata Hanio viaxaron catro estudantes en representación de España. Os outros tres compañeiros son de Madrid. Que foi o peor desta experiencia? “Pois a competencia que existe entre os participantes; porque hai moitos xóvenes que non aproveitan a experiencia de coñecer e o seu único obxectivo é gañar”.
Pola súa banda o alcalde de Touro, Ignacio Codesido, que lle entregou onte a Tania Penas un presente como recoñecemento de todos os veciños e veciñas do Concello de Touro, destacou o “talento” desta estudante exemplar, da que se sinten orgullosos todos os habitantes de Touro. “Esta moza honra aos estudantes do rural e fai visible o esforzo de moitos rapaces e rapazas que estudan fóra das cidades e que consiguen acadar éxitos e todos os obxectivos que se propoñen”. Ignacio Codesido fala de Tania Penas como un exemplo a ter en conta de intelixencia e esforzo. E dixo que “o talento dos máis novos está por toda Galicia, incluido o rural e o interior”. Tania Penas agradeceu o recoñecemento dos veciños e veciñas e do propio Concello. E dixo sentirse orgullosa de proceder de Touro e da parroquia de Bendaña.