Saturday 23 de November de 2024

Feijóo salienta que o Bono Coidado axudará a máis de 3.000 familias que precisen nun momento concreto que alguén coide do seu fillo na casa


Afirma que a convocatoria se publicará no DOG ao longo deste mes e indica que conta cun orzamento de 3 millóns de euros

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe que o Bono Coidado axudará a máis de 3.000 familias que precisen nun momento concreto que alguén coide do seu fillo na casa.

Logo de precisar que a convocatoria do Bono Coidado se publicará no DOG ao longo deste mes, Feijóo destacou que conta cun orzamento de 3 millóns de euros.

Segundo o presidente da Xunta, o reto demográfico é un dos máis importantes, por iso o Goberno galego seguirá traballando para facilitar a conciliación entre a vida familiar e a laboral, para que ter fillos non sexa un motivo de preocupación e para que Galicia sexa o mellor lugar para nacer e para ser pai ou nai.

Nesta liña, tamén puxo en valor a iniciativa da Xunta das casas niño, que prestarán atención continuada á infancia nos núcleos rurais de Galicia, e as escolas infantís en polígonos industriais e parques empresarias que xestionarán as asociación de empresarios co apoio da Xunta.

O Goberno galego aposta polo futuro do país
Na inauguración da escola infantil Sardiñeira (A Coruña), onde estivo acompañado polo conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, o presidente da Xunta fixo fincapé tamén en que o Goberno galego apostou polo futuro de Galicia mesmo nos anos de maiores dificultades orzamentarias. Así, impulsou escolas infantís como a que hoxe se pon á disposición dos coruñeses e para a que contou coa colaboración da Fundación Amancio Ortega.

Despois de explicar que se trata da cuarta das nove escolas públicas infantís que a fundación asinou coa Xunta o compromiso de construír, Feijóo asegurou que todas estas escolas se integran na rede pública Galiña Azul, que hoxe conta con 10.000 prazas públicas.

Así mesmo, dentro do esforzo da Xunta para mellorar a atención á infancia, o presidente do Goberno galego destacou o impulso á creación de prazas noutras modalidades de atención: axudou a financiar 119 escolas infantís e puntos de atención á infancia de titularidade municipal; financiou máis de 424 prazas en escolas infantís concertadas, para que as familias que non atopen praza nun centro público non teñan que pagar máis do que lles correspondería nunha Galiña Azul; e puxo á disposición 2.700 prazas en 47 centros dependentes de entidades de iniciativa social.

Deste xeito, Galicia suma máis de 22.300 prazas sostidas con fondos públicos en escolas infantís, un 76% máis das que había en 2009. Isto supón unha taxa de cobertura superior ao 37%, por riba do limiar do 33% marcado pola Unión Europea.

Con respecto ás prazas, Feijóo tamén puxo en valor medidas como o Bono Concilia, que axuda a pagar unha praza nunha escola infantil concertada ás familias que non obtivesen unha pública para o seu neno ou que vivan nunha localidade onde non haxa prazas públicas. Neste senso, destacou que este ano se duplicou o orzamento destinado a esta causa, que agora ascende aos 3,5 millóns de euros.

Segundo subliñou o presidente da Xunta, solucionar o reto da sustentabilidade demográfica é a clave para construír a Galicia do futuro e cre que nesa tarefa todos deben estar implicados.