Saturday 23 de November de 2024

O Aldebarán pecha con éxito o seu campus de verán


O Club Voleibol Aldebarán clausurou o sábado o seu primeiro campus dedicado á promoción do deporte entre a infancia e a mocidade. Foi un evento que contou coa asistencia das familias dos 25 nenos e nenas participantes e no que, ademais, se disputou un pequeno torneo por equipos formados pola rapazada. O campus de introdución á práctica do volei desenvolveuse durante todo o mes de xullo con dous obxectivos principais: continuar ampliando a base do clube e ofrecerlles ás familias outra posibilidade máis para escoller á hora de conciliar a atención da cativería co traballo. O club sinala que a experiencia “foi un éxito” e que, seguramente, se repita para o ano tamén durante o mes de agosto.

A maior parte dos nenos e nenas que acudiron ao campus eran de San Sadurniño, aínda que tamén houbo inscricións de Valdoviño, Moeche e As Pontes. Malia que entre eles e elas se contaban deportistas que xa practican este deporte dentro da escola municipal xestionada polo Club, tamén houbo un bo número de nenos e nenas que antes nunca xogaran. “Quedaron encantados coa experiencia e xa houbo varios que dixeron que se ían apuntar nas escolas na temporada que entra”, explica Manolo Seco. Para facelo abonda con dirixirse ao club, ben falando con calquera persoa da directiva ou ben enviando un correo a aldebaranvoleibol@gmail.com.

No último mes a rapazada aprendeu as técnicas básicas deste deporte con grande tradición en San Sadurniño. O saque, a recepción, os bloqueos, a colocación, as rotacións e outros coñecementos puxéronse en práctica nun ambiente máis orientado ao lecer que a unha sesión intensiva. De feito, as clases foron un entretemento para os nenos e nenas -a maioría con idades comprendidas entre os 7 e os 10 anos- que se repetiu na xornada de clausura celebrada este sábado.

Xogouse un pequeno torneo con equipos formados pola cativería e despois houbo unha pequena despedida con petiscos -coa colaboración de Maxi Pedroso- na que tamén participaron os pais e nais. Segundo informan desde o club, no peche do campus as familias “valoraron positivamente a iniciativa” e mostraron o seu interese por que se repetise o ano que vén “durante máis tempo”. Unha petición que o Aldebarán se comprometeu a estudar, vendo a posibilidade de ampliala en 2017 tamén ao mes de agosto.

Asemblea xeral ordinaria do club
O Aldebarán, que pechou unha das súas mellores temporadas antes do verán, celebrará nuns días a súa asemblea xeral ordinaria. Abordaranse, entre outros asuntos, o informe técnico e deportivo do ano, as cotas das escolas deportivas e a renovación da Xunta Directiva da entidade.

A asemblea terá lugar na Casa da Xuventude o venres 12 de agosto a partir das 20.30h. en primeira convocatoria. Nela seguramente tamén se fale dos traballos preparatorios da temporada 2016-2017. O club xa fixo contactos para concretar a plantilla do equipo da SM2 e baralla a posibilidade de incorporar un novo adestrador ou adestradora que se ocupe exclusivamente dos equipos de base que, segundo parece, aumentarán considerablemente o número de fichas.

Por outra banda, o Aldebarán anda metido tamén na preparación do II Torneo Internacional de Volei Praia que se xogará os días 20 e 21 de agosto no contorno do lago das Pontes. O evento, patrocinado polo Concello da vila mineira, puntuará para o campionato galego e tamén para o ranking estatal. O equipo local será por segundo ano o encargado do desenvolvemento técnico e organizativo da competición.