Friday 22 de November de 2024

CETMAR e os seus socios no proxecto NICAPEZ reúnen a mulleres da pesca e da acuicultura de nicaragua nun Foro de cooperativas do sector


O encontro celebrarase os días 3, 4 e 5 de agosto na Universidad Nacional Autónoma de Nicaragua, UNAN-León, que participa xunto a Universidade de Santiago de Compostela nesta iniciativa financiada pola Unión Europea e a Xunta de Galicia

Representantes das cooperativas de mulleres da pesca e da acuicultura de Nicaragua reuniranse en León no I Foro Nacional dedicado a estas profesionais e organizado polo Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR e os seus socios no proxecto NICAPEZ, unha iniciativa financiada pola Unión Europea e pola Xunta de Galicia a través da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE.

Ademais do sector, neste encontro participarán representantes das entidades membros do consorcio de NICAPEZ, como é o caso da Universidade de Santiago de Compostela e da Universidade Nacional Autónoma de Nicaragua UNAN-León, onde terá lugar o evento. Tamén estarán representados como asociados do proxecto o Instituto Nicaragüense de Pesca y Acuicultura (INPESCA) e a FAO, Organización de las Naciones Unidas para la Alimentación y la Agricultura.

O “I Foro Nacional de Cooperativas de Mulleres na Pesca e na Acuicultura” será inaugurado o día 3 de agosto e prolongarase ata o día 5. Durante estes tres días se pretende dar continuidade e maior visibilidade ás accións que desde hai dous anos veñen desenvolvéndose no marco do proxecto NICAPEZ.

Con ese fin, o primeiro día están previstos diferentes relatorios sobre o sector, a súa situación e a dos mercados de produtos pesqueiros, así como sobre o papel que desempeñan as mulleres que traballan neste ámbito. O foro servirá na súa segunda xornada para presentar os plans de negocio propostos polas cooperativas con apoio dos técnicos de NICAPEZ. Na última sesión abordaranse as posibilidades de creación dunha rede de traballo de mulleres do sector pesqueiro e acuícola nicaraguanas que fomente a comunicación entre elas e que potencie a súa participación na toma de decisións.

Co obxectivo de mellorar e reforzar o papel deste sector da pesca artesanal e a acuicultura rural en Nicaragua, a Fundación CETMAR e os seus socios neste proxecto veñen traballando de forma directa coas cooperativas de mulleres, con especial atención ás vendedoras e transformadoras de produtos pesqueiros e acuícolas en diferentes zonas do país.

As actividades postas en marcha ata agora están dirixidas a fomentar a profesionalización destas mulleres, así como a súa participación no proceso de toma de decisións e no desenvolvemento estratéxico do sector. Todo isto co obxectivo final de mellorar o nivel de vida da poboación a nivel económico, nutricional e social.

O proxecto NICAPEZ, “Mellora da transformación e comercialización de produtos pesqueiros realizados por mulleres de comunidades dedicadas á pesca e á acuicultura en Nicaragua”, deu comezo en xaneiro de 2014 e prolongarase ata marzo de 2017. A iniciativa está financiada pola unión Europea a través do programa Europeaid, e pola Xunta de Galicia a través da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE-Cooperación Galega.