Tanto a cantidade de público asistente como a de criadores participantes avalan a importancia da cita. O grifón azul de Gascoine Uri foi escollido o mellor exemplar da edición. En outubro a localidade acollerá o XV Campionato de Cetrería
O Mesón do Vento acolleu esta fin de semana a XXV Feira de Cans de Caza, rexistrándose un gran número de público asistente así como de participantes. Unha edición na que según os seus organizadores se chegaron aos 3000 exemplares na exposición que tivo lugar hoxe no recinto feiral, e na que tamén abundaron os postos de venta ou informativos. Setters, grifóns, teclees, bassets, beagles, podencos, jack terriers, dogos, gascóns, brunos de juras, sabuesos etc puidéronse contemplar e mercar na que está considerada a cita deste tipo máis importante de todo o noroeste peninsular.
O programa arrancou no día de onte, xornada dedicada ás probas e campionatos de caza, tanto de xabaril como de perdiz, que en total chegaron aos 30 inscritos. Como novidade destácase a celebración do I Campionato Xuvenil Concello de Ordes Modalidade Rastro de Xabaril.
A ocasión tamén foi aproveitada para presentar o XV Campionato de Cetrería, o cal terá lugar os vindeiros 29 e 30 de outubro en Mesón do Vento. Para isto instalouse un posto informativo no que, ademais de dar a coñecer esta cita considerada das máis sinaladas dentro do circuíto nacional, nenos, nenas e maiores puideron experimentar o que é ter unha ave rapaz na súas mans.
Boa conta de todo isto e de moito máis tomaron o alcalde de Ordes e a concelleira de Medio Ambiente, José Luis Martínez Sanjurjo e Ana Soneira, encargados de entregar os trofeos cos que se recoñeceron os mellores exemplares de caza maior, menor e de perdiz desta edición. Por outra banda Uri, propiedade de Ramiro Arteixo, foi escollido como o mellor exemplar deste ano; mentres que como mellores camada e xauría seleccionáronse os pointer e os brunos de jura de Manuel Gómez e Luis Mantiñán respectivamente.