Friday 22 de November de 2024

A Xunta de Galicia incrementará nun 12% as contías dos módulos económicos para o financiamento do persoal dos servizos sociais comunitarios municipais


Grazas a este aumento, equilíbranse as cargas financeiras, de xeito que se reparta ao 50% entre as corporacións locais e a administración autonómica

A Xunta de Galicia publicou a Orde pola que se modifican os módulos económicos para o financiamento do persoal dos servizos sociais comunitarios, o que contribuirá a equilibrar o reparto das cargas financeiras derivadas do sostemento dos servizos sociais comunitarios municipais entre as administracións autonómica e local. Trátase dunha medida de reforzo do sistema galego de servizos sociais como servizo público destinado a garantir a igualdade de oportunidades no acceso á calidade de vida e á participación social de toda a poboación.

Os servizos sociais comunitarios de titularidade municipal constitúen o primeiro nivel de atención é “a canle normal de acceso” ao sistema galego de servizos sociais. Nos últimos anos, produciuse un incremento do custe da prestación dos ditos servizos, incremento que foi asumido na súa maior parte por todas as corporacións locais galegas. Este incremento foi consecuencia do considerable incremento das persoas usuarias. Por isto, o obxectivo desta Orde é equilibrar o reparto das cargas financeiras de xeito que o financiamento do persoal responsable da prestación dos servizos, de maneira que se reparta ao 50% entre as corporacións locais e a administración autonómica. Para conseguilo, realizarase un incremento do 12% das contías dos módulos económicos para o financiamento do persoal dos servizos sociais comunitarios, o que supón un investimento adicional de 992.000 euros. Cómpre lembrar que esta medida forma parte dos compromisos asumidos pola Xunta de Galicia no marco da Axenda Social asinada conxuntamente pola administración autonómica, a FEGAMP e a Rede Galega contra a Pobreza o pasado 7 de xuño.

Así mesmo, estes módulos terán unha nova estrutura máis sinxela: en lugar de facer referencia ás titulacións académicas concretas ou ás funcións específicas dos postos de traballo financiados, agora farán referencia ás categorías ou grupos e subgrupos profesionais do persoal empregado público.

Estas medidas beneficiarán principalmente aos concellos e entidades locais de Galicia, pero tamén a todas as administracións públicas e entidades que forman parte do sistema galego de servizos sociais, xa que a maior dispoñibilidade de recursos económicos destes servizos que constitúen a pedra angular do sistema galego de servizos sociais, redundará nun mellor funcionamento de todos os niveis de actuación e atención do dito sistema.