Friday 22 de November de 2024

A consellería do Medio Rural creará un distintivo de calidade para os alimentos artesanais de Galicia


Con esta medida quérese recoñecer e fomentar os valores económicos, culturais e sociais que a artesanía alimentaria representa para Galicia e preservar e conservar as pequenas empresas familiares que elaboran produtos alimenticios

A Xunta creará un distintivo de calidade para os alimentos artesanais de Galicia a través dun decreto específico da Consellería do Medio Rural de próxima publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG). Con esta norma preténdese recoñecer e fomentar os valores económicos, culturais e sociais que a artesanía alimentaria representa para Galicia e preservar e conservar as pequenas empresas familiares que elaboran produtos alimenticios.

Así, coa regulación da artesanía alimentaria búscase poñer en valor os produtos alimentarios comercializados por pequenas empresas, moitas veces ligadas a unha explotación agraria, elaborados coa intervención directa do seu titular, o artesán alimentario. Estes produtos, de elevada calidade polas materias primas utilizadas e polo esmero do artesán ou artesá na súa elaboración, comercializaranse co distintivo da “Artesanía alimentaria”. Dentro destes, os que proveñan de zonas de montaña poderán levar ademais a mención “Produto de montaña” e os que estean elaborados utilizando materias primas da propia explotación agraria á que estean ligados poderán utilizar tamén a mención “Produto artesán da casa” ou “Produto artesán caseiro”.

Para regular esta materia, pártese de que Galicia conta cunha gran tradición na elaboración de produtos alimentarios artesanais, que forman parte da súa cultura popular e que gozan dun alto aprecio entre os consumidores, mesmo fóra da comunidade. A elaboración destes produtos ten contribuído non só a engrandecer a riqueza cultural de Galicia senón á creación dunha economía básica para moitas familias do medio rural.

Por iso, a regulación da artesanía alimentaria debe contemplar a súa vinculación á produción de materias primas de calidade, a estruturas produtivas familiares, ao medio rural e á súa tradición e cultura, á calidade dos produtos e á protección do medio natural, entre outros factores específicos.

Actividades artesanais
O texto do futuro decreto incorpora a relación inicial de actividades artesanais alimentarias, entre as que se atopan os derivados lácteos e cárnicos, os derivados da pesca, a acuicultura e o marisqueo, elaboración de viño, produtos vitivinícolas, licores, augardentes, cervexa, sidra, conservas de froitas, hortalizas e cogomelos, de zumes e de marmeladas ou de produtos de panadería, pastelería e repostería, entre outras actividades, para cada unha das cales farase a norma técnica correspondente. Regula tamén este proxecto o Rexistro de Artesanía Alimentaria, adscrito á consellería competente en materia de agricultura, e no que se inscribirán as empresas artesanais alimentarias.
Este rexistro permitirá coñecer con exactitude a dimensión deste recurso social, xestionalo e calcular o alcance da acción administrativa, de xeito que o esforzo da Administración beneficie aos profesionais do sector.

Concrétanse igualmente nesta futura norma as condicións para a obtención da carta de artesá/n alimentaria/o, os requisitos para ser considerada unha empresa como artesanal, así como a utilización na etiquetaxe, presentación e publicidade dos produtos, dos termos “artesán”, “artesán da casa” ou “artesán caseiro” e “artesán de montaña”.

Ademais, créase o Consello Galego da Artesanía Alimentaria que servirá como punto de enlace entre a Administración galega e o sector profesional, co fin de propiciar a colaboración necesaria para que a regulación que se realiza atope o debido cumprimento e acade os obxectivos perseguidos.