Saturday 16 de November de 2024

Medio Ambiente e o COAG reafirman a súa colaboración para a divulgación e sensibilización sobre a paisaxe galega


A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio e o decano do COAG asinaron unha addenda ao convenio de colaboración entre ambas institucións

A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, e o decano do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG), Antonio Maroño, asinaron unha addenda ao convenio de colaboración entre ambos organismos, para continuar realizando actividades de sensibilización, concienciación, formación e divulgación sobre a paisaxe galega.

Con esta addenda dáse continuidade ao traballo desenvolvido por ambas administracións na Educación Secundaria, reforzando e consolidando a presenza do ProxectoTERRA na Educación Primaria e Educación Infantil, de forma que -mediante este acordo- as actividades esténdense ata o ano 2017.

Así, o orzamento previsto é de preto de 207.000 euros, distribuídos entre este ano e o 2017. En total, en virtude do convenio vixente dende o ano 2014, o orzamento ascende a preto de 322.000 euros, dos cales a Xunta achega o 87%.

Ambas institucións, a Xunta de Galicia e o COAG, veñen colaborando de forma habitual para a formación e difusión en materia de ordenación da paisaxe para ampliar, difundir e manter actualizados os contidos do ProxectoTERRA, realizado polo COAG.

ProxectoTERRA
O ProxectoTERRA xurdiu no ano 2000 como iniciativa do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia. Dende o ano 2003 esta colaboración faise de forma ininterrompida coa Xunta de Galicia, a través da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio.

Neste senso, a decisión da Consellería motivou que en 2010 o ProxectoTERRA se presentara por primeira vez aos Premios Nacionais de Urbanismo, que outorga o Ministerio de Fomento, do que resultou gañador na categoría de Premio Nacional de Urbanismo e Medio Ambiente.

O ProxectoTERRA tivo un carácter pioneiro, xa que iniciou o esforzo de achegar ao alumnado galego as peculiaridades das construcións galegas, dos materias e das técnicas construtivas, ligando a educación co urbanismo responsable. Trátase dun proxecto cultural, recoñecido a nivel estatal e internacional, que hoxe constitúe un referente pedagóxico no achegamento á arquitectura e ao territorio.