Salienta que Galicia non foi diferente á gran maioría de países europeos que asentaron a súa convivencia e prosperidade en dúas forzas, a socialdemocracia e o reformismo, que coinciden en substituír a idea de revolución pola de evolución
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, asegurou que a democracia sempre ofrece respostas: maiorías, coalicións, pactos; e afirmou que os aparentes bloqueos non se deben a carencias do sistema político, senón á resistencia dos encargados de utilizar as súas variadas ferramentas.
Durante o acto de presentación do libro ‘Emilio Pérez Touriño. Discursos parlamentarios’, Feijóo lembrou que a democracia é versátil; “busca e atopa camiños e obriga a quen a exerce a non empeñarse niso que agora se chaman liñas vermellas, e que en realidade son muros infranqueables”, dixo, afirmando que prefire os teléfonos vermellos ás liñas vermellas, porque os teléfonos vermellos se empregaban para establecer pontes de comunicación entre os adversarios políticos, para intentar chegar a acordos.
O titular do Executivo autonómico subliñou que Galicia non foi diferente á gran maioría de países europeos que asentaron a súa convivencia e prosperidade en dúas forzas que coinciden en substituír a idea de revolución pola de evolución; evolución cara a obxectivos distintos, pero sempre seguindo pautas e protocolos baseados no respecto democrático.
Nesta liña, salientou que a socialdemocracia e o reformismo europeos apostan pola política paulatina, de pasos curtos e constantes, en vez da política grandilocuente e moitas veces mesiánica que empurrou o vello continente a reiteradas traxedias. E lembrou que o historial que poden presentar os que menosprezan un modelo que permite avanzar sen convulsións son: revolucións frustrantes, populismos ególatras, novos despotismos ilustrados que agora se valen das novas tecnoloxías para seren máis despóticos e menos ilustres.
Feijóo aseverou que esa alianza de reformismo e socialdemocracia ten éxito porque reconcilia liberdade e igualdade nun ambiente de fraternidade, incidindo en que esa maneira aberta de entender a política non ten caducidade. “Haberá que perfeccionala, mellorala, adaptala, pero segue vixente fronte a ideas que se exhiben como novas, cando en realidade forman parte dunha Santa Compaña de proxectos fracasados”, abundou.
O responsable da Administración autonómica, concluíu resaltando que o ex- presidente da Xunta Emilio Pérez Touriño está emparentado coa socialdemocracia que provoca respecto mesmo nos seus detractores. “Participou na loita pola democracia; avogou pola reconciliación e o consenso nos primeiros pasos do autogoberno; desempeñou responsabilidades de Estado impulsando iniciativas útiles para Galicia; encabezou sen traumas un cambio político; e abandonou o primeiro plano, non a súa inestimable achega intelectual, cunha dignidade exemplar”, destacou.