Saturday 16 de November de 2024

O Pleno de Oroso aproba unha modificación de crédito de 201.000 euros para actuacións de alumeado público e abastecemento


Os voceiros do PP e BNG ofrecen o seu apoio ante calquera medida que tome o Concello para reclamar a finalización do enlace sur da AP-9
A unanimidade marcou o pleno municipal de xullo en Oroso, pois todas as cuestións na Orde de Día foron aprobadas co apoio dos catro grupos municipais. Así, o pleno acordou unha modificación de crédito por 201.252 euros, cuberto con remanente de Tesourería para gastos xerais, para a realización de diversas actuacións no municipio.

Case a metade do orzamento será destinado á mellora do alumeado público no municipio, mentres que outros 35.000 euros achegaranse para actuacións no abastecemento de auga nas localidades do Cachopal, Couso, Vilar de Arriba, Igrexa e Mixoi. Así mesmo, instalarase a acometida eléctrica para o Punto Verde Oroso, compraranse illas de contenedores de recollida do lixo e construirase no Parque do Río Carboeiro unha ponte de paso ao CEIP Camiño Inglés.

O pleno tamén acordou os festivos locais para 2017, que serán o Martes de Entroido e o Día de San Roque (18 de agosto). Finalmente, ratificouse a decisión da Alcaldía sobre unha corrección no proxecto de senda peonil entre a rúa María Casares e o Piñeirón, actuación incluida no PAS 2015.

Rogos AP-9

Ante a ausencia de mocións presentadas, o voceiro municipal do BNG, Xosé Manuel Pérez, preguntou sobre o estado das obras da saída sur da AP-9. O alcalde, Manuel Mirás, explicou que “non hai ningún diálogo con Fomento. A obra está parada e non nos dan información”. Así mesmo, convidou aos presentes á visita que un par de horas máis tarde realizaría o candidado socialista á Presidencia da Xunta de Galicia, Xaquín Fernández Leiceaga, ás obras. Xosé Manuel Pérez ratificou o apoio do seu grupo a calquera iniciativa destinada a rematar esas obras.

Unha cuestión que tamén ratificou o voceiro municipal do PP, Alexánder Doval, quen expuxo que “estamos dispostos a apoiar calquera requerimento que se faga ante Fomento para pedir a finalización das obras canto antes”. Así mesmo, presentou un rogo para pedir unha maior sinalización do Camiño Inglés ao seu paso polo núcleo urbano de Sigüeiro, un asunto que o alcalde orosán se comprometeu a estudar.