Friday 22 de November de 2024

A biblioteca municipal de Ordes recibe o prestixioso premio María Moliner


A Secretaría de Estado de Cultura recoñece así o labor de animación á lectura desenvolvido a través do programa ‘A biblioteca énchese de vida’

A biblioteca de Ordes vén de acadar o premio María Moliner de animación á lectura realizada por bibliotecas públicas de municipios de menos de 50.000 habitantes. Este prestixioso recoñecemento é outorgado pola Secretaría de Estado de Cultura, e traducirase nun premio consistente nun amplo lote de libros.
Con todo iso recoñécese o enorme labor en materia de animación á lectura que ao longo dos últimos meses se leva organizado dende o Concello de Ordes e a dirección do centro. Baixo o título ‘A biblioteca énchese de vida’ nestes meses desenvolveuse unha dinámica orientada a xente de todas as idades. Clubs de lectura, contacontos e actividades lúdicas para desfrutar en familia, exposicións temáticas, conmemoración de datas destacadas no ámbito literario, presentacións de libros ou obradoiros temáticos, son algunhas das actividades levadas a cabo. Tamén cabe destacar ‘Lendo compartimos’, o programa de intercambio gratuíto de libros entre usuarios, ou o de visitas guiadas nas que participa o alumnado dos colexios e institutos, integrantes de diversas asociacións, ou usuarios dos centros de maiores da zona. Neste punto o alcalde de Ordes, Manuel Regos, destaca que “para nós é unha prioridade o mantemento dos servizos públicos que contribúan a facer do noso municipio un lugar que se caracterice pola súa calidade de vida. Temos claro que o coñecemento é fundamental para o desenvolvemento de calquera persoa independentemente da súa idade, polo que este tipo de iniciativas sempre son apoiadas polo equipo de goberno que presido”.
A nivel galego de máis de 400 bibliotecas tan só 16 delas foron recoñecidas cun ‘María Moliner’ nesta última edición. No caso da provincia da Coruña foron as de Boiro, Cariño, Cerceda, Culleredo, Oleiros, Rianxo e Ordes.