A primeira proba terá lugar nas festas de agosto
A Mesa da Peonalización de Riveira celebrou unha nova xuntanza a efectos de seguir dando pasos cara conquerir unha cidade máis humanizada, habitable, moderna e sostible e, a tal efecto, abordou a posible peonalización ou semipeonalización dunha serie de vías situadas no entorno da Casa do Concello en consonancia co PMUS aprobado no marco do proxecto Riveira Atlántica.
Un dos aspectos que máis lle interesan aos membros da mesa é coñecer o posible impacto que tales transformacións puidesen ter entre os distintos sectores e colectivos afectados: dende o transporte e o comercio ata as persoas con mobilidade reducida, os condutores e os peóns.
A tal efecto, acordouse estudar na práctica como sería esa incidencia a través da realización dunha serie de probas coincidindo con distintos eventos durante o verán, comezando polas coas festas de agosto (días 3 a 7) e proseguindo por outras como Artemar ou as celebracións de Santa Uxía.
Concretamente, as rúas nas que pretende comprobar os efectos da súa peonalización son:
• O tramo de Mariño de Rivera comprendido entre a praza do Concello e a transversal rúa Canarias
• Rúa Mendiño
• Rúa Otero Pedrayo
• Rúa Rosalía de Castro no tramo comprendido entre a praza do Concello e rúa Galicia.
E as vías obxecto dunha posible semipeonalización (é dicir, aquelas cuxas beirarrúas serían ampliadas cun só carril de circulación):
• O tramo de Rosalía de Castro comprendido entre a rotonda da Serea e a praza do Concello.
• Rúa de Lugo.
Un dos aspectos que se quere comprobar é como se comporta o tráfico en outras vías que se entende terán que soportar unha maior carga de vehículos e moi en especial na avenida Miguel Rodríguez Bautista.
Por suposto, en ningún caso tales restricións afectarán aos labores de carga e descarga, acceso a garaxes, entrada de vehículos de emerxencia e outras necesarias para salvagardar os intereses do comercio e da cidadanía.
Festas de verán
Por outra parte, coincidindo coas festas de verán e por motivos de seguridade viaria tamén se pechará ao tráfico (salvo labores de carga e descarga, acceso a garaxes, etc.) o tramo que vai dende Rosalía de Castro á altura do Malecón ata a porta do Sol (praza da Igrexa).
Así e logo, os interesados en acceder ao barrio de Monumento deberán servirse doutras vías alternativas, como por exemplo a través de Valle Inclán procedendo de Romero Ortiz ou por Marcial del Adalid procedendo de Rosalía de Castro.
Participaron na mesa da peonalización ademais do alcalde representantes dos grupos BNG, PSOE e Cidadáns, da asociación Ambar, da Asociación de Empresarios de Riveira e da Policía Local.