Friday 22 de November de 2024

Mirás amosa a súa preocupación por que “ninguén dá unha explicación convicente de cando se vai poñer en marcha o enlace sur da AP-9”


Fernández Leiceaga visitou unhas obras, paralizadas dende outubro por “un problema de vontade política do Goberno do PP que está causando un importante prexuízo aos habitantes desta comarca”

O alcalde de Oroso, Manuel Mirás Franqueira, acompañou a unha delegación do PsdG-PSOE, encabezada polo candidato dos socialistas á Presidencia da Xunta de Galicia, Xaquín Fernández Leiceaga, nunha visita ás obras da xaída sur da AP-9 en Sigüeiro, paralizadas dende outubro de 2016. Unha delegación na que tamén participaron os deputados nacionais Pilar Cancela e Ricardo García Mira, así como o senador Ángel Mato.

Tras unha breve explicación na casa consistorial, o alcalde guiou á comitiva nun percorrido en coche polas obras, transmitíndolles que “estamos moi preocupados por este enlace, do que falta moi pouquiño para rematalo, pero que leva dende outubro paralizado e ninguén dá unha explicación convincente de cando se vai poñer en marcha”. Mirás fixo fincapé nos “inconvintes que teñen que sufrir os veciños desta zona, onde tamén houbo sinistros de tráfico pois é un lugar que está sen iluminación e durante a noite é un perigo latente”.

O alcalde orosán reivindicou “que se desbloquee a situación á maior brevidade e se poña en marcha o enlace sur da AP-9”. Neste sentido, explicou que “é algo polo que levamos loitando doce anos e non entendemos como a ex ministra Ana Pastor atrasou tanto o inicio destas obras, porque hai que recordar que esta adenda foi aprobada no último Consello de Ministros do Goberno de José Luís Rodríguez Zapatero e sendo ministro José Blanco”. Tres anos de atrosos “e logo, por unha pequena discrepancia entre Fomento e Audasa, as obras están paralizadas”, lamentou Manuel Mirás.

Vontade política

Un punto no que coincidiu Xaquín Fernández Leiceaga, quen apunto que “un Goberno en funcións fixo a prórroga de ENCE. Se fixo a prórroga de ENCE non pode facer un modificado de menor importancia?. É un problema de vontade política do Goberno do Partido Popular que, por razóns que descoñecemos, está causando un importante prexuízo aos habitantes desta comarca”. Leiceaga explicou que o enlace sur da AP-9 en Sigüeiro “é unha cuestión de mobilidade, pois favorecerá a conexión dos veciños de Oroso con Santiago e o sur de Galicia, e tamén unha cuestión de emprego, porque o polígono industrial gañaría en competitividade se o enlace está operativo”.

Por iso, o candidato dos socialistas á Presidencia da Xunta de Galicia reflexionou sobre as competencias autonómicas: “nós reclamamos a transferencia da AP-9 á comunidade autónoma de Galicia e estamos seguros de que nas mans da comunidade autónoma estes temas estaría resoltos”.

Audasa, entidade que financia e executa a obra, comezou os traballos de construción do enlace sur da AP-9 o 10 de marzo de 2015. A día de hoxe, xa está construído o ramal de 1.430 metros de lonxitude para saída cara a N-550 dende Santiago, así como un paso superior de 76 metros que circula por riba da actual autoestrada. Tamén está listo o ramal de acceso á Sigüeiro dende a AP-9, para os vehículos procedentes de Ordes e se desprazou a área de toma de ticket das cabinas da autoestrada. Así mesmo, na N-550 está marcada a nova glorieta que substituiu á antiga intersección en T da saída da AP-9, polo que tan só resta a construción dunha ponte sobre a N-550 de saída para os vehículos procedentes de Santiago, proxecto paralizado polo Ministerio de Fomento en outubro de 2015.

Cronoloxía da obra

 Ano 2002. O alcalde de Oroso plantexa a necesidade do enlace sur da AP-9 diante do ministro de Fomento, Rafael Arias Salgado, que rexeitou o proxecto dicindo que as autopistas non estaban para solucionar problemas de tráfico local. As negociacións continuaron cos seus sucesores, Francisco Álvarez Cascos (que mesmo prohibíu que a Demarcación de Estradas en Galicia recibira ao alcalde) e Magdalena Álvarez (que rexeitou a obra por considerala de pouca importancia).
 18 de novembro de 2011. Aprobación do Real Decreto 1733/2011 polo que se aprobaba o convenio entre a Administración Xeral do Estado e Autopistas do Atlántico, polo que se modifican determinados términos da concesión para a construción, conservación e explotación da AP-9 para a ampliación de capacidade de diversos tramos. Este Real Decreto incluía unha addenda co proxecto do enlace sur da AP-9 ao seu paso por Sigüeiro, cun orzamento base de licitación de 7,94 milllóns.
 Marzo de 2014. Audasa realiza unha operación financeira para financiar as obras.
 12 de maio de 2014. O Ministerio de Fomento aproba definitivamente a Addenda.
 23 de decembro de 2014. As obras adxudícanse ao Grupo Puentes e Francisco Gómez, que garante que a obra estará operativa en 2015.
 27 de febreiro de 2015. Fomento anuncia o próximo inicio das obras.
 10 de marzo de 2015. Inicio das obras.
 Xullo de 2015. Ante a boa marcha dos traballos, Fomento anuncia que o enlace entrará en funcionamento a finais de agosto. A posta en marcha que se foi retrasando a setembro e outubro.
 15 de outubro de 2015, O Concello de Oroso fai unha reclamación diante do Ministerio de Fomento ao comprobar que as obras estaban marchando a ralentí.
 19 de outubro de 2015. Paralízanse as obras e marchan os obreiros. Fomento alega “cuestións burocráticas” para xustificar a paralización.
 21 de outubro de 2015. A ministra de Fomento comprométese publicamente a que as obras estarían rematadas a finais de novembro de 2015.
 25 febreiro de 2016. O Pleno Municipal de Oroso aproba por unanimidade unha moción do Grupo Municipal Socialista que instaba a Fomento a solventar os problemas e rematar as obras canto antes.
 Xuño de 2016. Reanúdanse as obras durante tres días e volven paralizarse.
 Xullo de 2016. Ante unha nova queixa do Concello de Oroso, o Ministerio de Fomento responde que as obras están nun avanzado estado de execución, que a finalización está condicionada por trámites administrativos que o Ministerio de Fomento está solicitando que axilice a concesionaria, Audasa, e que a obra podería finalizar, previsiblemente no segundo semestre deste ano.