Friday 22 de November de 2024

O Goberno galego remite o regulamento da nova Lei do solo ao Consello Consultivo co obxectivo de aprobalo no mes de setembro


Subliña que o obxectivo deste regulamento, que vai ser aprobado nun período total de pouco máis de medio ano, é facilitar a aplicación e consulta da lei ao clarificar a súa interpretación

O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou que a Xunta remitiu ao Consello Consultivo o proxecto de regulamento que desenvolve a Lei do solo, o último trámite antes da súa aprobación definitiva no mes de setembro.

Feijóo subliñou que o obxectivo deste regulamento, que vai ser aprobado nun período total de pouco máis de medio ano, é facilitar a aplicación e consulta da lei ao clarificar a súa interpretación: fixando conceptos urbanísticos homoxéneos; incorporando fichas técnicas que aclaren, por exemplo, o listado de informes necesarios para aprobar o planeamento; e engadindo cadros resumo, esquemas e gráficos.

Logo de aseverar que este regulamento mantén o espírito transversal, de país e con vocación de permanencia da lei, o titular da Xunta lembrou que para logralo aceptáronse seis de cada dez alegacións presentadas por 32 axentes vinculados ao eido do urbanismo, tanto asociacións como institucións e particulares; ademais de manterse xuntanzas de traballo e unha reunión técnica coa Fegamp para que os concellos presentasen as súas achegas.

Trátase, dixo, da primeira Lei do solo da historia de Galicia que ten un regulamento propio e único, e incidiu en que engloba nun só documento os tres regulamentos que se aplicaban na anterior lei: os regulamentos de xestión e planeamento, que eran de eido estatal e levaban 38 anos en vigor; e o regulamento de disciplina urbanística, que era galego, do ano 1999.

Diante disto, Feijóo incidiu en que Galicia se converte na comunidade española cunha lexislación urbanística máis completa, actualizada, e máis fácil de aplicar e entender.