“Financiamos así con este programa o 100% do custo das viaxes interurbanas que realicen os 200.000 rapaces galegos, cun máximo de 60 viaxes ao mes”, indica Feijóo
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou que a Xunta achegará preto de 4 millóns de euros para poñer en marcha este trimestre o programa Xente Nova, que permitirá ás rapazas e rapaces de ata 18 anos, estes incluídos, viaxar gratuitamente no transporte metropolitano de Galicia.
“Financiamos así con este programa o 100% do custo das viaxes interurbanas que realicen os 200.000 rapaces galegos, cun máximo de 60 viaxes ao mes, garantindo que poidan realizar, alomenos, unha viaxe de ida e volta gratuíta todos os días do mes, incluídos os sábados e domingos”, dixo. Esta medida aplicarase nas cinco áreas nas que o Plan de Transporte Metropolitano está en vigor, ao que se unirán proximamente os oito concellos que compoñen a área de Ourense.
Feijóo engadiu tamén na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta que o Goberno galego vén de autorizar o convenio de colaboración con Abanca para emitir e xestionar a Tarxeta Metropolitana de Galicia Xente Nova, que será o medio a través do cal os rapaces de ata 18 anos poderán viaxar de xeito gratuíto.
O presidente anunciou tamén que vén de solicitar aos concellos que estendan esta gratuidade ao transporte urbano, que é de competencia exclusivamente municipal.