Friday 22 de November de 2024

Máis de 15 disciplinas a escoller no programa de actividades deportivas das instalacións da piscina Iván Raña


Hipopresivos, GAP, Free Dance, Danza urbana infantil, Cross Training, Espalda sana, TBC e Aquazumba son as principais novidades que poderán poñer en práctica a partir de setembro os usuarios e usuarias

O Departamento de Deportes do Concello de Ordes acaba de facer público o programa de actividades a desenvolver nas instalacións da piscina Iván Raña ao longo da vindeira tempada. En total son 17 modalidades para todos os gustos, preferencias e necesidades, dirixido a xente de todas as idades e sempre baixo a supervisión de profesionais titulados do ámbito deportivo. Os horarios repártense de luns a venres dende as 10 ata as 21.45 horas.

Como novidades para este ano destacan as seguintes actividades:

• Hipopresivos: Exercicios posturais e respiratorios idóneos para previr patoloxías e aportar melloras de rendemento físico e estéticas. Altamente beneficioso para o período postparto
• GAP 30´: Sesión de 30 minutos destinada ao fortalecemento muscular de glúteos, abdomen e pernas.
• Free Dance: Combinación de baile e exercicio físico ao ritmo dos estilos da música máis actual. Dirixido para as persoas que queiran ver mellorada a resistencia cardiovascular e a coordinación.
• Danza urbana infantil: Para nenos e nenas de 8 a 16 anos. Coreografías de estilos urbanos baseadas no hip-hop, funky, break dance etc.
• Cross Training: Adestramento de forza e acondicionamento mediante exercicios de intensidade.
• Espalda sana: Fortalecemento e tonificación de músculos para previr ou evitar problemas de espalda. Traballo en áreas que abranguen as cervicais, dorsais ou lumbares.
• TBC: Forma de exercicio divertida e efectiva composta de exercicios variados executados por intervalos.
• Aquazumba: Combina a actividade de Zumba coa resistencia que ofrece a auga, propiciando un impacto menor nas articulacións e facilitando a tonificación muscular.

Ademais destas disciplinas o Concello de Ordes volve a repetir outras impartidas ata o de agora dado o alto nivel de participación. Este é o caso de Tonificación, Aquagym, Zumba (adultos e infantil), Cardio Box, Stretching, Aerostep, Pilates, Zumba infantil e Acondicionamento físico sénior.

En calquera caso o prazo para facerse usuario das instalacións e poder asistir a calquera destas clases dará comezo a partir de setembro, debido ao período vacacional que terá lugar durante o mes de agosto.