Tras o asasinato dun mozo na vila hai escasos días, a Corporación Municipal iniciou o pleno deste mes cunha declaración institucional de rexeitamento a este tipo de actos. Por unanimidade tamén se aprobaron medidas en prol da conciliación da vida laboral e familiar, e para a mellora do Camiño Inglés
O pleno do Concello de Ordes arrancou onte cun minuto de silencio en memoria do xoven Álvaro Paredes, asasinado en Ordes o pasado 17 de xullo. Na sesión tamén se fixo pública a declaración institucional de “enérxica condena e repulsa de todos os actos vilentos con resultado de morte acontecidos no termo municipal”. O Concello tamén amosou o seu apoio aos familiares da vítima, poñendo a súa disposición “os servizos existentes para atender a demanda das súas necesidades”. Tamén se reafirma a plena “confianza no traballo desenvolvido polas forzas e corpos de seguridade do Estado para o esclarecemento definitivo das circunstancias do suceso, de cara á condena co máximo rigor para o responsable”.
Seguindo coa orde do día aprobouse facilitar a conciliación da vida persoal, laboral e familiar. Este aspecto se terá en conta como condición especial de execución de contrato tras o compromiso firme da implantación de plans e medidas para favorecer ditas dinámicas sociais de cara ás persoas traballadoras adscritas.
Tamén se solicitarán do Xacobeo medidas para a conservación e mantemento do Camiño Inglés. Tanto o Goberno Local como as demais forzas políticas destacaron as posibilidades deste trazado como “motor económico para a zona”. Neste punto José Luis Martínez Sanjurjo, alcalde de Ordes, informou sobre as distintas xuntanzas mantidas con diferentes entes en base a este tema, como as levadas a cabo en Carral “para a formación da Asociación de Concellos do Camiño Inglés da que pasaremos a formar parte en breve”, avanzou. Dou conta tamén das intervencións previstas para o período 2017-18 enmarcadas no Plan Estratéxico Director do Camiño de Santiago, dotado con máis de 56 millóns de euros.
Ambas mocións, presentadas polo grupo socialista, foron aprobadas por unanimidade, ao igoal que a petición do BNG de cubrir as vacacións dos traballadores da empresa que xestiona os pavillóns municipais co fin de prestar un mellor servizo á veciñanza.
Desbroce de pistas
Outro dos debates estivo relacionado co desbroce de pistas, viais e nas rozas de cunetas, labores para os que os nacionalistas solicitaron a posta en funcionamento dos dous tractores municipais. Na moción presentada presentada por eles tamén se require evitar a contratación de empresas privadas, “o que suporía non poder sacar adiante o traballo no período estival no que se ten que levar a cabo dado que as brigadas municipais non dan a basto con todo o que hai que facer entre festas, acondicionamento de zonas verdes e outros traballos”, puntualizou o alcalde. Martínez Sanjurjo lamentou que “a pesar de estar completamente dacordo co fondo da moción non podemos apoiar esta medida porque suporía ter que renunciar a executar todo o traballo previsto de cara a este ano, o cal abrangue distintas parroquias”. Dende o Goberno demandouse un prazo aproximado dalgo máis dun ano para poder “poñer ao día o acondicionamento de pistas, cunetas e vías”, para dese xeito “poder levar a cabo un plan de desbroce que incluiría poder rozar incluso as pistas secundarias a lo menos unha vez ao ano”.