Monday 25 de November de 2024

A Deputación aproba un investimento de 131.433 euros en Cee para rematar a casa da cultura e habilitar un parque infantil no paseo marítimo


A adecuación da entreplanta da Casa da Cultura recibirá unha axuda de 27.284,25 euros

A Deputación da Coruña aprobarou en pleno un investimento de 131.433 euros para o Concello de Cee que permitirá realizar ata catro proxectos de mellora do municipio.

A iniciativa máis destacada permitirá a construción dun parque infantil no paseo marítimo. Instalaranse xogos infantís para nenos dende os 6 meses aos 12 anos e adaptados a persoas con discapacidade. Haberá ramplas, casetas e unha pirámide tridimensional de cordas. A obra inclúe pavimentos diferenciados entre a zona de paseo e a de xogos. Esta última será de caucho mentres que no resto se utilizará unha tarima de madeira para exteriores e céspede reforzado. Tamén se intervirá no peche e muro de contención existente.

En total, esta obra ascende a 49.898,55 euros, que achegará en solitario a Deputación.

Un orzamento similar, de 43.517,17 euros, recibirán as obras de acondicionamento das rúas interiores do lugar de Berroxe, que tamén asumirá en solitario o ente provincial. A previsión é intervir en case todas as rúas do lugar, substituíndo o pavimento e os sumidoiros en mal estado. Con estes traballos preténdese revalorizar este núcleo rural.

E seguindo coas estradas, acondicionarase a rúa Estatuto de Autonomía de Galicia por 10.733,03 na zona máis próxima á esquina noroeste do Centro Comercial Finisterrae no Recheo. Trátase dun pequeno tramo de estrada que nunca se chegou a urbanizar. Así, pavimentarase a calzada con aglomerado asfáltico e bordo de formigón, así como a beirarrúa con baldosa hidráulica.

Fin da Casa da Cultura
Por último, haberá unha última achega de 27.284,25 euros para adecuar as oficinas da entreplanta segunda da Casa da Cultura. Con este orzamento, que asume en solitario a Deputación, vanse realizar traballos de pintura e carpintería, a instalación eléctrica e fontanería.

Este convenio súmase aos anteriores asinados entre o presidente da Deputación, Diego Calvo, e o concello co obxectivo de poñer en marcha esta infraestrutura. En total, a colaboración do ente provincial con este proxecto supera os 350.000 euros.

A Casa de Cultura de Cee alcanza os 3.000 metros cadrados útiles e ten un auditorio con capacidade para 500 persoas e un escenario de 140 metros cadrados.