Saturday 16 de November de 2024

O campo da festa de San Roquiño acollerá este domingo unha homenaxe a Prudencio Romo na que participarán todas as entidades que fundou


Ás 20:00 horas, as bandas de música de Lousame e de Outes interpretarán temas de “Los Tamara” coa colaboración das corais de Noia e de Rianxo e dos cantantes Paco Lodeiro, Yolanda Vázquez, J. M. Barreiro “Secho” e Fernando Docampo
O campo da festa de San Roquiño (Lousame) acollerá este domingo 31 de xullo, a partir das 20:00 horas, unha especial homenaxe a Prudencio Romo que se celebra co gallo da conmemoración do vinte aniversario da fundación da Banda de Música de Lousame por el. Unha homenaxe que esta tarde foi presentada pola alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde; o director da Banda de Música de Lousame, Fernando Froján; o presidente da Asociación Cultural Prudencio Romo, Ángel Vilas; o director da Banda de Música de Outes, Manuel Blanco; o secretario da Banda de Música de Outes, Santiago García; e o cantante Fernando Docampo.

Teresa Villaverde explica que “ademais de desfrutar da velada musical, recordaremos a Prudencio Romo, o bo facer dos Tamara e celebraremos o vinte aniversario da Banda de Música de Lousame, que Prudencio puxo en marcha”. Neste sentido, Villaverde loubou a figura de Prudencio Romo, “unha persoa cun único interese: a música e que deixou esa semente en moitos rapaces, moitos dos cales seguen vencellados ao mundo da música”.

Actuacións

A homenaxe, presentada por Xurxo Souto, consistirá nun concerto no que actuarán conxuntamente os músicos das bandas de música de Lousame e de Outes, dirixidos por Fernando Froján, que interpretarán temas da discografía de “Los Tamara”, grupo ao que pertenceu Romo, e para o que contarán coa colaboración especial da Coral da Escola de Música de Rianxo, da Coral Polifónica de Noia e dos cantantes Paco Lodeiro, Yolanda Vázquez, J. M. Barreiro “Secho” e Fernando Docampo, así como o neto de Prudencio Romo, Abraham Romo.

Fernando Froján explicou que “é un pracer ofrecer este concerto canda outra banda fundada por Prudencio Romo e contar coa colaboración dunha coral creada por el, como a de Rianxo, e outra coa que lle unían moitos lazos como é a de Noia. Semella que todas as agrupacións de Prudencio están unindo os seus lazos”. Neste sentido, explica que “dende que nos xuntamos por Nadal, están sendo unhas convivencias moi produtivas para todos nós”.

Pola súa banda, Manuel Blanco indicou que “é un pracer participar neste proxecto porque Prudencio Romo foi toda unha referencia. Fundou a nosa banda e foi quen de trasladarnos o seu amor pola música e en moitos casos, coma o meu, animarnos a estudar música”.
O concerto dará comezo ás 20.00 horas do domingo 31 de xullo no campo da festa de San Roquiño. O programa previsto é o seguinte: “Airiños, airiños, aires” (Docampo), “O vello e o sapo” (Secho), “A Santiago voy” (Yolanda Vázquez e Paco Lodeiro), “Quixera” (todos), “Mi tierra gallega” (Secho), “A Galicia” (Docampo), “Puerto de Compostela” (Paco Lodeiro), “A enfermidade de Añón” (Docampo), “Loco soñador” (Todos), “A outra nai” (Paco Lodeiro), “María Soliña” (Todos) e “As lanchas do xeito” (Todos).