A Irmandade Galega de Agroalimentarios e Adegueiros (IRGADE) ten entre os seus obxectivos a potenciación do uso do galego en toda a cadea de produción alimentaria do país -principalmente na etiquetaxe e na publicidade- buscando a complicidade das persoas consumidoras. Unha complicidade que vai máis aló da adquisición dun produto determinado, xa que tamén significa contribuír á pervivencia da cultura e do tecido produtivo galego. Neste sentido, a IRGADE e a Fundación Enrique Peinador impulsaron a Carta de Consumo Responsable e Solidario, que foi suscrita este pasado sábado en Santiago pola Xunta, a FEGAMP e varios municipios, entre eles o de San Sadurniño.
A carta establece, en primeiro lugar, que temos “un deber responsable” á hora de decidir por que produtos optamos, coa conciencia de que os produtos galegos “contribúen ao noso desenvolvemento económico, permiten fixar poboación e garanten a pervivencia do noso país”. Porén, o IRGADE e a Fundación Enrique Peinador tamén sinalan “un deber solidario” con aquelas persoas emprendedoras “que deron o paso arriscado de etiquetaren en galego as súas elaboracións ou utilizan o noso idioma na súas campañas de promoción e comunicación, colaborando no mantemento dos nosos valores identitarios”.
A carta asinada este sábado destaca a “aposta decidida” do sector agroalimentario galego “polo aproveitamento sostible dos recursos naturais e pola recuperación de especies, razas e variedades tradicionais adaptadas ao noso hábitat”, que segundo reflicte o documento, “permiten dar aos nosos produtos e ás nosas elaboracións unha personalidade propia, ligada ao noso clima e territorio, polo tanto inimitable”. Uns valores aos que moitas iniciativas empresariais -explotacións e empresas transformadoras- lle engadiron a lingua como “garantía de orixe e singulariedade”.
O contido da carta, que se presentou nun acto solemne celebrado no Hostal dos Reis Católicos, apela á responsabilidade e solidariedade do consumo para cos produtos feitos aquí e en galego. “Cando eliximos os produtos a consumir, temos a opción de escoller aqueles que están a manter unha economía sostible e que xeran riqueza, valor engadido e emprego de proximidade ao tempo que axudan a manter viva unha cultura, unha lingua e unha forma de ser”.
O texto apunta a “un deber responsable” á hora de decidir por que produtos optamos, “coa conciencia de que os produtos galegos contribúen ao noso desenvolvemento económico, permiten fixar poboación e garanten a pervivencia do noso país”, ao tempo que expresa un “deber solidario” con aquelas persoas emprendedoras “que deron o paso arriscado” de etiquetaren en galego as súas elaboracións ou utilizan o noso idioma nas súas campañas de promoción e comunicación, “colaborando no mantemento dos nosos valores identitarios”.
O responsable de Desenvolvemento Local, Manolo Varela -que acudiu ao acto de sinatura-, manifestou que o contido da Carta de Consumo Responsable e Solidario “vai na mesma liña que as políticas a prol do desenvolvemento rural que se están desenvolvemendo en San Sadurniño”. O edil lembrou que o Concello está a colaborar con entidades agroalimentarias como a Asociación A Cortiña, a AGFA do Eume ou a AGA, “co obxectivo de darlle un novo pulo á produción agroalimentaria local baseado nos produtos de calidade e nunha comercialización de proximidade que aseguren a sostenibilidade ambiental e social”.