A directora do Centro visita estes días aos estudantes que están en establecementos de Andalucía para avaliar o funcionamento desta actividade
Este verán 390 alumnos do Centro Superior de Hostalería de Galicia (CSHG) inician as súas prácticas en prestixiosos hoteis e restaurantes internacionais, situados en 19 países diferentes. A duración desta actividade formativa é de entre dez semanas e un ano.
Para avaliar a marcha desta actividade práctica, a directora do CSHG, Marta Fernández, e profesores do Centro realizan visitas a distintos establecementos onde cursan as prácticas os alumnos para reunirse cos titores ou directivos e avaliar avaliar a marcha das prácticas. Estes días, Marta Fernández visita aos alumnos que están facendo prácticas en establecementos de Andalucía.
A estadía nestas empresas é unha parte importante da formación que posibilita o CSHG e forma parte do seu expediente académico. O obxectivo principal é que o alumno coñeza en profundidade os departamentos operativos como o servizo, a cociña e o aloxamento nos primeiros dous cursos e a xestión de hoteis nos dous últimos. Ademais, a experiencia permitiralle percibir a realidade do sector e poñer en práctica os coñecementos adquiridos durante o curso para adaptalos á realidade hoteleira.
O plan de estudos estipula a obrigatoriedade de facer prácticas todos os anos en hoteis e restaurantes. O Centro recomenda que un ano sexa no estranxeiro e outro na costa española do Mediterráneo ou nas Illas Baleares ou en Canarias.
Acordos con importantes establecementos internacionais
Dado o interese amosado por varias das firmas hoteleiras máis importantes do mundo por contar nos seus establecementos con persoal formado no CSHG, o Centro asinou varios acordos de colaboración con estas compañías. En base a estes acordos os responsables de Recursos Humanos deses establecementos visitan as instalacións do CSHG todos os anos para presentar os seus negocios e realizar entrevistas aos alumnos interesados. A maiores, o CSHG tamén ofrece outras alternativas para realizar prácticas.
Deste xeito, os alumnos realizan as prácticas en diversas comunidades autónomas españolas como Galicia, Andalucía, Baleares, Canarias, Cataluña, Madrid, Levante, Asturias, País Vasco e Navarra, pero tamén en outros países como Estados Unidos, Tailandia, Vietnam, Malasia, Costa Rica, Brasil, República Dominicana, México, Emiratos Árabes Unidos, Grecia, Italia, Bélxica, Portugal, Holanda, Reino Unido, Francia, Alemaña e República Checa.