A iniciativa, deseñada pola Concellaría de Emprego e Empresa que dirixe Luisa Cid, forma parte do Plan Urbana C para dinamizar a zona e promover a creación de empresas no barrio
O tenente de alcalde de Emprego e Empresa, Luisa Cid, presentou o proxecto Agra do Mundo deseñado para favorecer a multiculturalidade, a actividade e a diversidade comercial do Agra do Orzán promovendo a incorporación da poboación inmigrante ao comercio do barrio. A iniciativa realízase no marco do Plan Urbana C, cuxo principal obxectivo é dinamizar a zona a través do apoio á creación de novas empresas, entre outras accións.
O proxecto Agra do Mundo ponse en marcha tras as conclusións dun estudo municipal sobre o barrio que reflectía o peso da poboación inmigrante no Agra do Orzán. “Segundo os últimos datos, dos 13.216 inmigrantes censados na cidade, 2.577 residen no Agra do Orzán, o que supón practicamente 1 de cada 5 inmigrantes da Coruña”, explicou Cid na presentación do proxecto, á que tamén asistiron representantes da organización do programa: o director da ONG Ecos do Sur, Patxi Hurtado; e o xerente da empresa especializada en formación e consultoría de comercio e emprendimiento Areté Gestión de Personas, Marcos Rebollar.
Agra do Mundo permitirá formar a poboación inmigrante do barrio facilitando a súa inclusión social, a sostibilidade dos seus negocios e a súa adaptación aos modelos de comercialización de éxito dentro do barrio. Para conseguir estes obxectivos, o programa poñerá en marcha un plan formativo de Emprendemento Comercial. O taller, cun total de 25 prazas, terá unha duración de 190 horas, das cales 160 horas serán presenciais e outras 30 individuais para atender as dúbidas dos alumnos de forma personalizada. As clases empezarán o próximo luns, 3 de novembro, e finalizarán o 30 de xaneiro de 2015.
Os alumnos do Curso de Emprendemento Comercial responden aos seguintes perfís: inmigrantes interesados en emprender e comerciantes inmigrantes ou nacionais que se dedican á importación de produtos doutros países que desexan consolidar o seu modelo de negocio.
Durante o programa formativo, expertos en comercio asesorarán os alumnos sobre aspectos básicos como que criterios hai que seguir para buscar un local, fórmulas de financiamento ou como relacionarse con axentes sociais implicados en emprendemento. O curso rematará coa presentación, por parte de cada alumno, dun proxecto final sobre como montar un negocio.
CALIGRAFÍA ÁRABE E DANZAS DO MUNDO
Finalizada a fase teórica comezará a fase práctica con catro mercados urbanos que se celebrarán no mercado Das conchiñas ao longo de catro sábados, que serán consensuados co comercio do barrio. Nestes mercados, os alumnos poderán a proba a viabilidade do seu negocio ou darano a coñecer. “Será un espazo común de intercambio de experiencias, recursos e iniciativas coa celebración de numerosas actividades culturais; dende música e danza ata talleres de caligrafía árabe e chinesa, concursos de contos do mundo, degustacións, espazos gastronómicos de cociñas de distintos países e representacións teatrais na rúa,” explicou a edil, quen indicou que toda a información estará dispoñible dende o luns en www.agradomundo.org.
O proxecto Agra do Mundo conta cun presuposto de 72.600 euros e está cofinanciado ao 80% con fondos Feder a través do Plan Urbana C, que tamén inclúe outros proxectos deseñados dende Emprego e Empresa por un importe superior aos 1,2 millóns de euros durante 2014, como a Escola de Emprendedores e Aula de Emprego, os dous aínda en marcha, ou os programas Tiendas a Exame, Tendas Pop-Up e Relevo Xeracional.
En todos os casos, o obxectivo é dinamizar o barrio e xerar actividade económica.