Saturday 16 de November de 2024

O PSOE pide actuacións inmediatas de conservación e mantemento do Camiño Inglés ao seu paso por Ordes debido ás malas condicións nas que se atopa


O PSOE de Ordes instará ao Concello de Ordes a solicitarlle ao Xacobeo que leve a cabo de inmediato medidas de conservación e mantemento do Camiño Inglés, que se atopa nun estado moi deficiente. “Nos últimos meses observamos que o Camiño se atopa en moi malas condicións, especialmente ao seu paso por Poulo, por Pereira ou en Buscás, pois en moitos lugares está intransitable e cheo de maleza”, advirte a voceira municipal socialista, Verónica Gómez.

Os socialistas lembran que o Camiño ten unha importancia económica nas localidades que atravesa, por iso é necesario que todas as administracións públicas se impliquen no coidado e mantemento do percorrido en boas condicións, para así potenciar a chegada de visitantes. Neste sentido, o PSOE de Ordes recorda que o pasado mes de setembro xa lle solicitaron ao Concello de Ordes que pedise permiso ao Xacobeo para instalar paneis indicativos en distintos puntos do Camiño ao seu paso por Ordes. “Sería moi interesante que os peregrinos recibiran información de como chegar a Ordes, dos servizos dos que dispoñen no pobo e dos principais puntos de interese a visitar xa que para eles sería un atractivo engadido e para o pobo de Ordes suporía un respiro para o sector da hostalería e restauración, tan afectados pola crise económica”, apunta Verónica Gómez.