O Consello Galego de Cooperación para o Desenvolvemento reuniuse para emitir un informe preceptivo sobre o anteproxecto de Decreto de Cooperación Exterior
O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, presidiu esta o Consello Galego de Cooperación para o Desenvolvemento (CONGACODE), no que se emitiu un informe preceptivo sobre o anteproxecto de Decreto de Cooperación Exterior no que traballa o Goberno galego.
Un dos aspectos máis salientables do decreto é que unificará nun so texto toda a normativa de desenvolvemento da Lei de Cooperación galega para o Desenvolvemento, que ata o momento atópase dispersa en varias normas, o que vai facilitar a xestión dos procedementos.
Ademais, o novo texto regula o Rexistro Galego de Axentes de Cooperación, co fin de que a información recollida se manteña actualizada, acadando o máis alto nivel de fidelidade á realidade. Neste senso, as principais novidades que incorpora son a tramitación telemática das solicitudes de inscrición e a simplificación do procedemento de actualización dos datos.
A norma tamén regulará a licenza para a participación dos empregados e empregadas públicas en proxectos ou programas de cooperación para o desenvolvemento e de acción humanitaria. Esta licenza xa se recolle na Lei do Emprego Público de Galicia, coa finalidade de fomentar entre este colectivo o valor da solidariedade mediante a súa integración en proxectos de desenvolvemento que os axentes de cooperación estean a levar a cabo en países empobrecidos.
Finalmente, entre as novidades que introducirá o decreto está a regulación das peculiaridades das subvencións en materia de cooperación para o desenvolvemento e acción humanitaria. Neste apartado, establécense normas para flexibilizar os pagos dos proxectos plurianuais, para a execución e xustificación dos proxectos cando concorran situacións excepcionais e imprevisibles (terremotos, crises humanitarias, conflitos armados, etc) e para flexibilizar os prazos de execución e xustificación das actividades financiadas.
Órgano asesor en materia de cooperación para o desenvolvemento
O CONGACODE é o órgano de consulta e participación da sociedade galega en materia de cooperación para o desenvolvemento. Trátase polo tanto do órgano asesor nesa materia no que están representados a Administración autonómica e o resto dos axentes galegos de cooperación (ONGD, universidades, o Fondo Galego, as empresas…).
Este decreto no que está a traballar a Xunta tamén regulará e modificará a súa composición. O novo CONGACODE unifica a totalidade das funcións de consulta, participación e avaliación en materia de cooperación para o desenvolvemento. Ademais, actualizará a composición dos representantes dos departamentos que realizan actuacións na materia de cooperación e a incluirá a representantes da FEGAMP.
O III Plan Director da Cooperación Galega 2014-2017, aprobado polo Parlamento de Galicia o 19 de marzo de 2014, establece como unha das súas liñas de actuación a de actualizar o marco normativo da Cooperación Galega. No Plan Anual 2016 recóllese o compromiso de elaborar un Decreto no que se inclúan melloras cualitativas na normativa que regula a cooperación para o desenvolvemento. A Xunta está a traballar na elaboración dun Decreto de Cooperación Exterior, sobre o que o CONGACODE emitiu hoxe un informe preceptivo.