Case unha trintena de entidades sociais e de dinamización do territorio foron convocadas polo Concello ao longo da xornada de hoxe para a segunda xornada de traballo enmarcada no ECMYNN, o proxecto europeo no que participa San Sadurniño co obxectivo de mellorar á as competencias das persoas e institucións que se moven no ámbito do emprego e da formación para a mocidade. Os encontros -que se desenvolven pola mañá e pola tarde- buscan integrar as entidades na fase participativa do proxecto para que fagan de ponte de conexión cos grupos de mozos e mozas que hai en cada zona do territorio coas miras postas en que se pronuncien sobre as súas necesidades formativas, ao respecto das súas expectativas laborais ou mesmo de lecer.
Outro dos obxectivos das xuntanzas é dar a coñecer a Casa da Xuventude de San Sadurniño. Un espazo que xa leva funcionando varios meses como recinto no que se imparten cursos e charlas de todo tipo. Porén, como o seu propio nome indica, o edificio quere ser un referente para a actividade xuvenil desde o punto de vista formativo e do lecer.
A Casa da Xuventude conta con tres salas máis outros dous recintos insonorizados que poden empregarse como locais de ensaio. De momento non hai unha ordenanza que regule formalmente o uso do inmoble, o que non quita que aquelas entidades ou agrupacións informais de mozos e mozas poidan solicitar os espazos para actos concretos. O Concello pretende que o inmoble poida ser autoxestionado pola mocidade con actividades organizadas preferentemente pola propia mocidade. De aí que as xuntanzas de investigación social do ECMYNN tamén terán como finalidade detectar as necesidades e perspectivas de uso das instalacións por parte deste ámbito da poboación, que supón arredor do 18% do total de San Sadurniño.
Á xuntanza da mañá acudiron 13 persoas en representación da ANPA do CPI, do club e a asociación Brío, da AGFA do Eume, de Con-Suma Conciencia, d’O Castelo de Narahío e tamén cargos políticos e persoal técnico dos departamentos de Mocidade, Cultura e Deportes, Desenvolvemento Local e Igualdade. Enriba da mesa púxose a petición de que as entidades fagan de dinamizadoras sociais contactando con grupos de mozos e mozas cos que teñan relación para que se integren no proxecto. ¿De que maneira?, mantendo xuntanzas informais co equipo de apoio ao proxecto europeo e contándolle cales son as súas inquedanzas de todo tipo: laborais, de lecer, peticións de cursos e outras accións formativas, etc.
O plan de traballo prevé programar eses encontros desde xa e ata finais de outubro para, xa en novembro, por en orde a información recabada e elaborar as propostas de actuación, que se presentarán a primeiros de ano en San Sadurniño e despois en Romanía -no último evento transnacional do ECMYNN- como parte dos resultados obtidos conxuntamente co resto de entidades europeas implicadas no proxecto.
O obxectivo último do ECMYNN é definir unha guía de boas prácticas con resultados contrastados da que poidan botar man entidades de toda Europa que traballen no ámbito da mocidade e que lles permitan conectar mellor cos seus intereses e necesidades, especialmente no referido a traballo e formación.
ECMYNN é o acrónimo en inglés de Enhancing Competences to Meet Young Neet’s Needs, que podería traducirse como Mellorando as Competencias para Conectar coas Necesidades da Mocidade que nin estuda nin traballa. O proxecto financiado integramente pola Unión Europea a través do ERASMUS+ iniciouse en maio de 2015 e finalizará en 2017. Nel cooperan entidades públicas -o municipio italiano de San Giovanni Teatino e o Concello de San Sadurniño- xunto con outras relacionadas co Terceiro Sector e a acción social, como é o caso da tamén italiana Lynx Territorio sociale, Cáritas Gdansk (Polonia), a asociación romanesa ASCETIS e o Atom Lifelong Centre de Grecia.
As actuacións do programa céntranse no contacto directo coa mocidade de entre 16 e 29 anos, aínda que en San Sadurniño o ámbito da investigación verase ampliado ata os 35 anos. O Concello botou man dun equipo profesional experto en socioloxía que se encargará de levar adiante o maior número posible de entrevistas. En principio elixiuse como punto de encontro a Casa da Xuventude para que a xente nova se familiarice co espazo e vaia facéndoo seu, aínda que tamén está previsto acudir aos lugares habituais de reunión da xente nova, como é o caso da piscina municipal agora no verán, as pistas deportivas do centro urbano, locais públicos onde se dean cita, festas parroquiais ou naqueles puntos do territorio que indiquen as asociacións. Iso si, as xuntanzas estarán concertadas previamente cos mozos e mozas.