Thursday 21 de November de 2024

A actuación no miradoiro de Pedra da Ra suma e segue: seleccionada para a Bienal Internacional de Arquitectura de Arxentina


Celebrarase en outubro na cidade sudamericana de Córdoba

A actuación realizada no miradoiro de Pedra da Ra non deixa de dar boas noticias. Se primeiro foi seleccionada para formar parte do pavillón de España na Bienal de Arquitectura de Venecia e despois acadou o galardón na categoría “Cidade e Paisaxe” dos prestixiosos Premios FAD de Arquitectura, agora acaba de ser incluída na Bienal Internacional de Arquitectura de Arxentina, BIA-AR 2016 (http://biaar.com/).

Así llelo comunicou a organización da feira ao arquitecto Carlos Seoane por decisión do seu panel de expertos, dándolle conta de que obra será incluída tanto na exposición como no catálogo oficial da BIA-AR 2016.

Concretamente, esta edición da feira, que se celebrará no mes de outubro na cidade de Córdoba, leva por título “Procesos” e porá a mirada naquelas actuacións que ou ben “afectan a sus contextos de un modo vital, activando situaciones mucho más dinámicas e influyentes de lo que correspondería a una intervención tradicional”, ou ben “por la singularidad del proceso mismo del proyecto y diseño”.

36 obras internacionais
Contará cunha selección de 36 obras internacionais (entre elas a de Pedra da Ra) e 36 arxentinas, ademais de convidar a cinco mestres internacionais de renome (na convocatoria de 2014 foron Kazuyo Sejima, Anne Lacaton, Paulo Mendes da Rocha, Francisco Mangado e Toyo Ito).

A BIA-AR está respaldada pola FADEA, Federación Argentina de Entidades de Arquitectura na que están integradas a totalidade de colexios e organizacións profesionais de arquitectos do país sudamericano e a totalidade de escolas oficiais de arquitectura, ademais de asociacións culturais vinculadas con este sector.

Cómpre lembrar que a actuación de remodelación foi un proxecto cofinanciado con fondos Feader xestionados pola asociación Deloa que supuxo recuperación do entorno da Pedra da Ra, demolendo a escalinata existente e acondicionando a área de actuación a través da disposición de distintos puntos de observación para ofrecer aos usuarios distintas opcións e perspectivas para o disfrute da paisaxe.

Foron empregados distintos tipos de pavimento de pedra natural do país con diferentes densidades, así como outros elementos como varandas tipo inox, varandas de barras, muros de granito, bancos de pedra ou alcorques de ferro forxado.

Foi executada pola empresa Sograni (Sonense de Granitos S.L.) e supuxo un investimento de 147.000 euros.