Friday 22 de November de 2024

O Centro Superior de Hostelería convoca as bolsas de formación para o vindeiro curso académico


O prazo de solicitude estará aberto dende mañá, data na que a resolución se publica no Diario Oficial de Galicia, e ata o 22 de agosto
O Centro Superior de Hostalería de Galicia (CSHG) ofrecerá 23 bolsas de formación para o vindeiro curso académico. As axudas poderán solicitarse a partir de mañá, data na que se publicará a convocatoria no Diario Oficial de Galicia, e ata o vindeiro 22 de agosto.

Das 23 bolsas, 20 bolsas serán para alumnos que se matriculen no título universitario de Diploma Superior en Xestión Hoteleira, que dura 4 anos, e as 3 bolsas restantes dirixiranse a estudantes do Diploma en Gastronomía e Xestión en Cociña, actividade formativa de 2 anos. As bolsas do CSHG concédense para todos os anos que dura a titulación.

As bolsas poderanse solicitar ata o 22 de agosto, polo que calquera candidato que faga as probas de acceso a estas titulacións antes do 18 dese mes pode solicitar a axuda. Para poder optar á bolsa, o alumno debe aprobar estas probas de acceso e facer una reserva de praza, sen ter que aboar a matrícula ata saber se lle concederon ou non a axuda.

Distribución das bolsas
Das 23 bolsas que se ofrecen, 20 destinaranse a alumnos do Diploma Superior de Xestión Hoteleira. Nesta titulación, 2 delas serán consideradas de excelencia académica para estudantes cunha nota media por riba do 8 na fase xeral das probas de acceso á universidade.

Neste caso, concederase una bolsa de 6.236,2 euros cada ano durante os catro que dura a titulación, sempre que o alumno aprobe todo cun 20% máis de nota que a media da clase. As restantes 18 bolsas para este diploma terán carácter ordinario e a súa concesión estará en función dos ingresos, nun 60%, e do expediente académico, nun 40%. Os seis primeiros beneficiarios accederán a una bolsa de 6.236,2 euros, o 80% da matrícula, e os 12 restantes a unha bolsa de 3.750 euros cada ano, o 50% da matrícula. A axuda renovarase cada curso, sempre que o alumno aprobe todo e non supere o máximo de ingresos.

Para os alumnos do Diploma en Gastronomía e Xestión en Cociña, que dura dous anos, resérvanse tres bolsas ordinarias que se concederán en base aos ingresos, cunha puntuación do 60%, e ao expediente académico, valorándoo nun 40%. Os beneficiarios accederán a una bolsa de 3.750 euros cada ano, o 50% da matrícula, renovable sempre que o alumno aprobe todo e non supere o máximo de ingresos.

Exencións e facilidades de pago
O CSHG tamén conta con exencións dun 50% para candidatos de familias numerosas de carácter xeral ou que teñan unha discapacidade do 33% ou superior. A maiores, os candidatos de familias numerosas de carácter especial e outros casos que contempla a lei teñen a matrícula gratuíta. Así mesmo, o CSHG ofrece a posibilidade de fraccionar o pago e dispón de acordos con varias entidades bancarias con condicións especiais para afrontar a matrícula.