Saturday 16 de November de 2024

A Xunta continúa potenciando as viaxes ao exterior para a promoción de Galicia nos mercados internacionais e na busca de investimentos


O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE compareceu no Parlamento para dar conta dos viaxes dos altos cargos do Goberno galego ao exterior
A Xunta segue a potenciar as viaxes ao exterior para promover á comunidade galega nos mercados internacionais e na procura de buscar novos investimentos para as empresas galegas.

Así o explicou o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, quen compareceu no Parlamento en cumprimento do previsto no Código ético institucional da Xunta, que recolle os criterios básicos para a regulación das viaxes ao exterior dos altos cargos da Administración autonómica galega.

Axenda do presidente da Xunta
Segundo relatou o director xeral, pola súa singular transcendencia destaca a viaxe do Presidente da Xunta a Cuba, acompañado polo conselleiro de Economía, Emprego e Industria, o conselleiro de Política Social e o secretario Xeral de Emigración, co propósito de reforzar as comunidades galegas no exterior e mostrar o interese de Galicia de formar parte do proceso de reactivación económica do país.

Durante os catro días da visita a Cuba, o Presidente da Xunta e os conselleiros mantiveron diversas reunións con representantes do goberno cubano, sobre temas do eido cultural, como económico. Cabe destacar, o encontro co Presidente do Consello de Estado e de Ministros da República, Raúl Castro e a sesión de traballo mantida co vicepresidente do Concello de Ministros, Ricardo Cabrisas.

Ademais Gamallo indicou que a viaxe a Cuba propiciou diversos acordos, como a sinatura do Memorando de entendemento entre a Xunta e o Ministerio cubano de Cultura e, o Memorando de colaboración en sectores como o agroalimentario, o biotecnolóxico, o enerxético e o sector da biomasa, así como a posta en marcha da redacción dun Memorando máis completo, onde se inclúen nove ministerios cubanos, para concretar as actividades económicas que se poden levar a cabo entre Galicia e Cuba.

Seguindo coa súa axenda exterior centrada na internacionalización de Galicia, tanto no eido económico como no cultural, o Presidente viaxou a Arxentina e Uruguai onde mantivo reunións cos seus respectivos presidentes sobre a presenza de Galicia neses países tanto en temas de investimento e intercambios comerciais, así como temas do ámbito cultural debido á forte presenza que supón a comunidade galega afincada en ambos países.

Conselleiros e altos cargos
No que respecta ás viaxes realizadas polos conselleiros e altos cargos, Gamallo mencionou en primeiro lugar as viaxes do vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda a Cabo Verde, Portugal e México onde abordou temas de diversa índole coma os proxectos de colaboración de Galicia co exterior.

Na súa viaxe a Cabo Verde, o vicepresidente foi acompañado por Gamallo, onde mantiveron un encontro co Presidente da República de Cabo Verde e trataron cuestións como o traballo de cooperación do CETMAR e o aproveitamento da experiencia galega na implantación da enerxía eólica no país. Por outra banda, Rueda e Gamallo mantiveron unha reunión coa ministra de Turismo, Investimentos e Desenvolvemento Empresarial da República de Cabo Verde, Leonesa Fortes, onde asinaron un Memorando de Entendemento para establecer unha colaboración permanente en materias como a pesca, o turismo, o medio ambiente e a educación.

No referido ao viaxe a Portugal, o pasado mes de marzo, o vicepresidente mantivo unha reunión de seguimento do Proxecto Ariem112 de cooperación transfronteiriza en Porto. Nesta mesma liña Jesús Gamallo mencionou que debido a este ámbito de cooperación e aos proxectos europeos en común, as viaxes ao norte de Portugal realizadas por diversos directores xerais, convertíanse nunha tarefa común.

Pola súa banda, a conselleira do Mar viaxou a Namibia no pasado mes de xuño para expor e debater a sinatura dun memorando de entendemento e apoiar a empresas de capital galego nese país africano. Ademais, e como non podería ser doutro xeito, Gamallo referiuse ás viaxes do secretario xeral de Emigración, sempre relacionadas coas súas obrigas, durante este semestre pasou por Arxentina, Uruguai, Cuba e México, acompañando ao Presidente ou Vicepresidente da Xunta. Tamén tivo que desprazarse a Brasil, Suíza e Lisboa.

As restantes viaxes tiveron o seu fundamento na atención de asuntos máis específicos de cada departamento. É o caso da directora da Axencia de Turismo que estivo, entre outros países, en Paraguai, en cumprimento dun convenio de cooperación para a promoción de ambos destinos, debido ás similitudes do Camiño de Santiago e ás Rutas Xesuíticas paraguaias.

Polo que respecta a Jesús Gamallo, e as súas viaxes, afirmou que seguen sendo a cotío a Bruxelas polas súas obrigas no CdR. O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE fixo fincapé na reflexión que se está a desenvolver sobre a Estratexia de Acción Exterior e a súa preocupación polo resultado do referendo británico e o impacto que supón en Europa a nivel económico.

Finalmente, Jesús Gamallo concluíu a súa intervención incidindo que a actividade exterior da Administración autonómica galega segue máximos criterios de eficiencia e de preeminencias das prioridades económicas da nosa comunidade, atendendo tamén á promoción da nosa lingua e cultura.