Friday 22 de November de 2024

O PSOE de Ordes instará ao Concello a poñer en marcha este curso os “Camiños Escolares Seguros” aos colexios Campomaior e Castelao


Verónica Gómez lembra que a proposta presentada polos Socialistas de Ordes foi aprobada polo Pleno en outubro de 2015, pero que o Goberno do PP segue sen poñer en marcha

O PSOE de Ordes volverá a levar ao pleno municipal a proposta de creación dos “Camiños Escolares Seguros” para facilitar o acceso dos nenos e nenas do municipio aos colexios Campomaior e Castelao, aprobado por unanimidade en outubro de 2015 pero que segue sen poñerse en marcha. “Esta é unha iniciativa que se puxo en práctica con éxito en moitos concellos pero da que en Ordes non se ten información algunha dende que a súa posta en marcha fora aprobada pola unanimidade do pleno municipal en outubro de 2015. Xa pasou case un ano e queremos saber se o Goberno ten intención de cumprir cos mandatos do pleno e poñer en práctica esta iniciativa de cara ao próximo curso escolar”, explica a voceira municipal do PSOE de Ordes, Verónica Gómez.

A voceira municipal socialista explica que “mentres noutros municipios a medida contou coa total implicación dos Concellos e está funcionando con éxito, as reticencias do PP de Ordes fixeron que aquí só se fixera un chamamento á colaboración da veciñanza a través da Internet, cando tería que ser o Concello quen se responsabilizara e acometese a sinalización dos percorridos, solicitando a colaboración dos axentes da Policía Local e dos comerciantes locais para maior seguridade dos pequenos”. Neste sentido, Gómez lembra que “estamos falando dunha iniciativa que non só permitirá fomentar a autonomía dos nosos pequenos e pequenas, senón que tamén axudará ás familias a conciliar a vida laboral e familiar a través dunha opción segura para que os seus fillos vaian ao colexio”.

Verónica Gómez lamenta que “as reticencias amosadas polo Partido Popular no pleno no que se aprobou esta medida se traduciron ao final en que o Camiño Escolar Seguro non se puxo en marcha durante o curso pasado, polo que no próximo pleno instaremos ao Concello de Ordes a cumprir coas súas obrigas e poñer en práctica o Camiño Escolar Seguro, cando menos nun dos colexios”.