A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, reuniuse hoxe co alcalde do concello, Ramón García, para explicar os detalles do proxecto, que conta cun orzamento dun millón de euros
A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, e o alcalde de Betanzos, Ramón García, asinaron o convenio de colaboración, dotado cun millón de euros, que permitirá mellorar a rede de abastecemento do concello.
A titular do departamento autonómico explicou que os traballos se centrarán en aumentar a eficacia da ETAP da localidade. Para conseguilo, executarase unha nova infraestrutura de entrada á potabilizadora, ampliaranse as instalacións e realizaranse melloras dentro da propia planta.
Estes esforzo súmase aos máis de 1,25 millóns que a Consellería xa ten destinado a actuacións de saneamento en Betanzos desde 2009. “Un investimento que busca dar a resposta máis axeitada ás necesidades dos veciños”, resaltou Mato, quen fixo fincapé en que contar “con auga potable e un saneamento de calidade é un dereito esencial de todos os seres humanos”.
Tanto as actuacións previstas en Betanzos, como as xa realizadas, inscríbense na “firme aposta” do Goberno galego a prol do abastecemento e saneamento, un compromiso que ten dado como resultado unha mellora da calidade das augas en toda Galicia.
Para avanzar neste camiño, a Xunta ten destinado desde 2009 un total de 113 millóns de euros a actuacións de abastecemento e máis de 1.000 millóns ao saneamento e depuración. Esta liña de traballo terá continuidade grazas ao novo Plan Hidrolóxico para a demarcación Galicia-Costa, aprobados a finais do último ano, e que conta cun orzamento global de 655 millóns de euros ata 2021.