Friday 22 de November de 2024

Xunta e UNICEF comité Galicia colaborarán para atender as necesidades máis urxentes de nenos e nenas en situación desfavorecida


O vicepresidente, Alfonso Rueda, asinou un convenio de colaboración coa entidade para actuacións de acción humanitaria e de emerxencia

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e a presidenta de UNICEF Comité Galicia, Myriam Garabito, asinaron un convenio de colaboración entre ambas institucións para actuacións de acción humanitaria e de emerxencia.

O obxectivo do convenio é realizar actuacións que atendan as necesidades máis urxentes das poboacións afectadas por catástrofes de orixe natural ou humano, con especial énfase nos colectivos máis vulnerables, mediante a provisión inmediata de infraestruturas e equipos esenciais para a supervivencia, sobre todo as relacionadas co sector da auga, saneamento e hixiene. Para este fin, a Xunta de Galicia realizará unha achega de preto de 92.000 euros.

Así mesmo, tamén se sufragarán actuacións destinadas a paliar o sufrimento das poboacións afectadas por crises de longa duración e desequilibrios crónicos e estruturais, con énfase en países e poboacións de menor Índice de Desenvolvemento Humano.

Resposta rápida, áxil e flexible
As actuacións ante emerxencias e catástrofes naturais requiren dunha resposta rápida, áxil e flexible que permita atender as necesidades mais urxentes da poboación afectada, o que require dunha previsión e preparación previa por parte do Goberno galego.

O presente convenio permite á Xunta estar preparada para atender as necesidades en materia de auga, saneamento e hixiene (WASH, polas súas siglas en inglés) contando coa colaboración de UNICEF, entidade experta e responsable no coñecido como sistema de clústeres nesta materia.

Este convenio complementa ao asinado coa entidade Farmacéuticos Mundi no ámbito da saúde, permitindo á Xunta de Galicia dar resposta de maneira urxente e eficaz nos dous sectores de especialización da Cooperación Española: Auga e Saúde.

Cinco anos colaborando na defensa da infancia
O Fondo de Nacións Unidas para a Infancia, UNICEF, é a principal organización internacional que traballa para promover os dereitos da infancia e conseguir cambios reais nas vidas de millóns de nenos/as, en calquera situación de emerxencia e crises humanitaria. A entidade ten presenza en 190 países susceptibles de recibir axuda humanitaria e de emerxencia.

Nos últimos cinco anos, a xunta vén colaborando con esta entidade a través da sinatura de varios convenios e convocatorias de para financiar proxectos de cooperación exterior e acción humanitaria en países como Camerún, Nepal, Bolivia, Malí, Níxer ou Guinea Bissau.

A través destes proxectos realizáronse accións relacionadas coa atención nutricional, potabilización da auga, mellora dos servizos de saúde para embarazadas e recén nacidos ou a protección de nenas e adolescentes, entre outros. Estas iniciativas recibiron o respaldo económico da Xunta, que achegou algo máis de 400.000 euros para o seu financiamento.