O alcalde Manuel Mirás asistiu á acta de replanteo das obras, orzamentadas en máis de 148.000 euros
O alcalde de Oroso, Manuel Mirás, asistiu á acta de replanteo das obras de mellora da seguridade viaria na DP-3801 de Sigüeiro a San Mauro. Unhas obras orzamentadas en 148.381,77 euros e que contemplan a construción dunha nova senda peonil de 2 metros de ancho, que discorrerá pola marxe dereita da calzada e que servirá de conexión dos distintos tramos de beirarrúas xa existentes entre os puntos quilométricos 2 e 3+280 desta estrada provincial.
O alcalde orosán agradeceulle á Deputación Provincial da Coruña “a posta en marcha dunha obra que a poboación de Gándara e de Sigüeiro nos estaba pedindo dende hai tempo, pero que non foi admitida polo anterior Goberno do PP na Deputación durante os seus catro anos de mandato”. Mirás Franqueira amósase convencido de que “será unha senda cun alto grao de utilización por parte dos veciños e veciñas, xa que se trata dunha zona moi axeitada para pasear e comunicarse a pé coa capital municipal”.
As obras, adxudicadas á empresa Excavaciones y Obras Marcos, teñen un prazo de execución de catro meses, polo que a senda peonil entrará en funcionamento antes de que remate o ano 2016. Os traballos consistirán na construción dun novo andén peonil de 2 metros de ancho pola marxe dereita da estrada DP-3081, entre os puntos quilométricos 2 e 3+280. A senda terá as mesmas características cas outras sendas peonís do municipio: mistura bituminosa en quente e bordillo de formigón. Nalgúns puntos contémplase tamén a execución dun muro de escollera para estabilizar taludes, así como a colocación de barandillas de madeira de pino nalgúns tramos para garantir a seguridade.
Canda o alcalde orosán, ao acto de replanteo desta mañá tamén asistiron o concelleiro de Obras e Servizos, Eduardo Veiras; os deputados provinciais de lnfraestruturas Viarias, Vias e Obras provinciais e Medio Ambiente, José Manuel Pequeño; e de Economía, Facenda, Contas, Persoal e Réxime Interior, Antonio Leira; así como responsables da empresa Excavaciones y Obras Marcos.