Friday 22 de November de 2024

Macaco, Susana Seivane e Seguridad Social, pratos fortes das Festas de Verán de Riveira


O físico e divulgador científico Jorge Mira dará o pregón

Os grupos Macaco e Seguridad Social e a gaiteira Susana Seivane serán os pratos fortes das Festas de Verán de Riveira, que se celebrarán entre os días 3 e 7 de agosto e que abrirán co pregón do físico, investigador e coñecido divulgador científico Jorge Mira.

A concelleira de Cultura, Fabiola García, e “o 66,6% da comisión de festas”, é dicir, o seu presidente José Alonso e o seu colaborador Roi Fontaiña (hai un terceiro integrante, Jesús Paz, que non puido acudir por motivos laborais), foron os encargados de detallar o cartel.

As festas abrirán a primeira hora da mañá do mércores 3 (día dedicado á emigración) con bombas de palenque e as dianas e alboradas do grupo de gaitas O Rueiro de Fillos de Palmeira, mentres que ás 12 do día o paiaso Popín actuará para os pequenos na praza do Concello.

Jorge Mira ofrecerá o seu pregón a partir das 22 horas dende o balcón da Casa Consistorial. Ás 23 horas haberá unha gran verbena no Malecón amenizada pola orquestra Saudade (segundo pase á 1 da mañá).

O xoves 4 de agosto (dedicado á mocidade) abrirá ás 9.30 horas con bombas de palenque e a actuación de O Rueiro. Ás 11 haberá un pasarrúas a cargo da banda de música Eduardo Pondal e ás 12 do día na praza do Concello, a actuación do paiaso Rudi Dudi Rastafarudi. Ás 22.30 horas terá lugar unha gran verbena no Malecón a cargo da orquestra Graffiti (segundo pase á 1 da mañá).

O venres (dedicado á poboación infantil), as dianas e alboradas polo grupo O Rueiro serán outra vez ás 9.30 horas, mentres que as 11 haberá un pasarrúas pola banda de música de Boiro. A xornada continuará ás 12 horas con Riveiralandia na praza do Concello (ata as 14 horas e de 17.30 a 20 horas). Ás 21 horas no Centro Cultural Lustres Rivas haberá a inauguración dunha exposición polo escultor local Jontxu Argibay.

Ás 22.30 horas haberá unha gran verbena no Malecón a cargo da orquestra Tango (segundo pase á 1 da mañá), en tanto que Seguridad Social actuará na praza de España a partir das 12 da noite. Pola súa parte, o grupo Platinum tocará no parque García Bayón tamén a partir da medianoite (segundo pase ás 2.30 horas).

O sábado 6 de agosto estará dedicado á xente do mar. Tras as dianas e alboradas do grupo O Rueiro e o pasarrúas (pola banda de música Isabel II de Touro) haberá unha inauguración na galería O Faiado coa exposición “Natural”.

Procesión
Ás 18 horas haberá unha misa solemne na honra da Virxe do Carme que estará cantada pola Coral Polifónica Municipal de Riveira na lonxa, con posterior procesión marítimo-terrestre.

Ás 22.30 horas haberá unha gran verbena no Malecón a cargo da orquestra Solara (segundo pase á 1 da mañá). E ás 12 da noite tocaralle o turno a Macaco cun espectacular concerto na praza de España, mentres que ás 0.30 horas o grupo Platino actuará no García Bayón (segundo pase ás 2.30 horas).

Finalmente, o domingo (día da flor dedicado ao tecido social) comezará con pasarrúas, alboradas e a banda de música Santa Cruz de Ribadulla. Ás 12 terá lugar a tradicional misa solemne na honra a San Pedro cantada pola Coral Polifónica do Círculo Mercantil de Riveira, mentres que ás 13 horas no garaxe O Faiado haberá a apertura dunha mostra de fotografía de Xaquín Rosales.

Xa pola tarde, haberá a partir das 19 horas a coroación e desfile das Raíñas da Flor e, chegada a noite, haberá unha gran verbena no Malecón a cargo da orquestra Stelares (primeiro pase ás 22.30 horas / segundo á 1 da mañá).

As 12 da noite haberá unha espectacular queima de fogos artificio no peirao da cidade, mentres que Susana Seivane actuará a partire das 0.30 horas na praza de España.

Como é tradicional, o 8 de agosto celebrarase o día do neno con atraccións de feira a prezos populares.

José Alonso quixo agradecer o apoio recibido tanto polo Concello como por algunhas persoas alleas á comisión, como Juan o da Lotería, o patrón maior de Riveira, Elvira Pisos, Ricardo da Silva ou Juan Doval; e destacou o tremendo esforzo para poder ter estas festas: un “traballo ingrato” que non sempre é valorado como se merece.